Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Estarán á venda 1.400 tapas con seis receitas diferentes // Os cócteles serán elaborados por María Rey e hainos sen alcol // A orquestra Panorama pechará a xornada TEXTO Claudina Estévez

Anguía e caña: o centro do día grande de Valga

Aínda que este sábado será a xornada grande da celebración, Valga vive dende hai días a súa XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. E é que unha celebración de tal renome (hai que lembrar que está declarada de Interese Turístico de Galicia) precisa de varios días previos para ir quentando motores. Despois de dous anos limitada pola pandemia, regresa ao seu formato habitual con todas as actividades e degustacións dos produtos protagonistas: a anguía do Ulla e a augardente destilada ao xeito tradicional.

Este sábado, no Parque Irmáns Dios Mosquera, estarán á venda por 1,50 euros un total de 1.400 tapas con seis receitas diferentes: catro elaboradas polos cociñeiros de Indo e Vindo Gastronomía e dúas que resultaron gañadoras dos concursos Tapa a Anguía dos anos 2020 e 2021.

Os catro petiscos son anguía frita sobre patacas palla e dúas salsas, taco de anguía á barbacoa, salpicón de anguía e fabada de anguía. As galardoadas son a tosta de anguía do Bar Pardal, que acadou o premio do xurado hai dous anos, e a hamburguesa de anguía de Pastelería Caprichos, que gañou en 2021.

En canto ó augardente, os asistentes á festa poderán adquirir diferentes cócteles elaborados con caña branca, de herbas e tostada por un euro cada un. Serán elaborados por María Rey e trátase concretamente de Frescaña, Pera de herbas, Mojito de tostada e Calvados. Asemade, haberá tamén sen alcol para a cativada polo mesmo prezo.

Ademais, mantense no Centro de Interpretación da Caña a demostración de destilado tradicional a cargo de dous cañeiros de Valga, na que se farán dúas potadas de caña branca e de herbas e, á medianoite, haberá unha gran queimada popular gratuíta, con conxuro e espectáculo a cargo de Troula Animación. En total, uns 350 litros de augardente.

Neste sábado, ademais, a xornada contará cun dos actos máis relevantes: a entrega de premios dos concursos de fotografía e receitas do Agosto Gastronómico, o Concurso da Caña do País, Embelecer Valga, concurso para elixir o cartel anunciador, mellores tapas e gañadores dos vales de compra da Ruta Tapa a Anguía. O pregón da festa correrá a cargo do historiador Anxo Rodríguez Lemos, recente gañador do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo. Será ás 20.00 horas.

Non hai que esquecer tampouco que a música terá un gran protagonismo. Actuarán a Banda Municipal de Valga (20.45 horas) e a orquestra Alkar (22.30). Tras a queimada e os fogos artificiais, que serán a partir das 00.30 horas, a recoñecida orquestra Panorama dará o seu primeiro pase e, de seguido, fará o seu segundo pase a agrupación Alkar e, de novo, Panorama. En definitiva, música e troula ata que den as 05.30 horas da madrugada.

O domingo o festexo rematará coa ruta-concurso Tapa a Anguía, que se desenvolverá en varios locais de 12.00 a 15.00 horas, pondo así o punto e final á celebración.

27 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.