Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
AXUDAS. En Cabana melloraron a accesibilidade ás vivendas sociais que o Concello prevé adxudicar en breve // Outros cinco proxectos de Camariñas, Cee, A Laracha, Coristanco e Laxe recibiron achegas da Administración autonómica TEXTO J. Ramos

Apoio ás dotacións e servizos de seis concellos da Costa da Morte

Seis proxectos das comarcas de Bergantiños e Costa da Morte recibiron axudas da Xunta por valor de máis de 338.800 euros, distribuidos entre os concellos de Camariñas, Cee, Coristanco, A Laracha, Laxe e Cabana, ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público.

Así o confirmou a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, durante a súa visita ao Concello de Cabana para supervisar as obras de mellora da accesibilidade e do entorno do inmoble municipal destinado a vivendas sociais no edificio de vivendas dos mestres do colexio público comarcal As Revoltas. Estivo acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e do alcalde de Cabana, José Muíño Domínguez.

Nesta actuación o Goberno galego investiu máis de 39.000 euros para mellorar a accesibilidade aos tres portais, para o peche dos baixos dos balcóns do edificio a nivel da planta baixa, para a limpeza e reparación das fachadas, para a instalación de nova carpintería nos balcóns e para a execución duns itinerarios e ramplas a escaleiras exteriores polas que se accede ao edificio principal, o que permitirá cumprir a normativa de accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas.

Estas melloras foron complementadas polo Concello de Cabana coa adecuación da contorna e das instalacións do conxunto das vivendas, dotándoas dunhas renovadas redes de abastecemento, saneamento e instalación eléctrica, entre outras actuacións.

O alcalde, José Muíño, asegura que estas intervencións, que supoñen unha mellora importante e moi necesaria, permitirán que as vivendas sociais poidan ser empregadas para o seu fin: “garantir un servizo de urxencia para as persoas con dificultades económicas”.

A intención do goberno local de Cabana é poder adxudicar xa as vivendas nos vindeiros meses. Hai que lembrar que estes fogares atópanse ao pé do colexio As Revoltas, xa que no seu día formaron parte do centro educativo como residencias dos mestres.

A Xunta investiu nos últimos anos máis de 770.000 euros en diferentes liñas de axudas habilitadas pola Dirección Xeral de Administración Local para mellorar os servizos municipais de Cabana de Bergantiños, entre as que destacan actuacións na rede de saneamento e no medio ambiente, obras de eficiencia enerxética ou actuacións en edificios municipais, como a casa do concello ou a casa de cultura.

Na visita, o representante do Goberno autonómico, Gonzalo Trenor, lembrou que xa se publicou a nova convocatoria para este ano da Orde de Infraestruturas de uso público destinada aos concellos galegos de menos de 30.000 habitantes para mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, de forma individual ou compartida, e na que a Xunta investirá este ano 3,5 millóns de euros.

Entre as actuacións subvencionables inclúense obras de instalación, ampliación e mellora das redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais ou a construción, mellora e ampliación de parques infantís, dependencias municipais ou instalacións deportivas de uso público.

A protagonista
“MOBILIZAMOS MÁIS DE 40 MILLÓNS NOS ÚLTIMOS ANOS”
Natalia Prieto
Directora xeral de Administración Local

A directora xeral de Administraicón Local, Natalia Prieto subliñou o compromiso da Xunta por manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións que contribúan a mellorar a calidade dos seus veciños. Tamén lembrou que, no conxunto de Galicia, a Xunta mobilizou máis de 40 millóns de euros nos últimos anos para financiar 1.372 proxectos dos concellos galegos, cento vinte e cinco deles na convocatoria do ano pasado.

{ Pasaba por aquí }
Menores, pero valiosas
Manuel Lavandeira

Os concellos, cada vez máis afogados economicamente pola necesidade de facer fronte a multitude de servizos, moitos dos cales non son da súa competencia, demandan e merecen a axuda das administracións superiores para acometer melloras que, aínda que poidan ser calificadas como obras menores, non por iso son menos necesarias e valiosas. É o caso das actuacións acometidas en Cabana e noutros cinco concellos da Costa da Morte. No municipio cabanés as intervencións realizadas teñen ademais un fin social, xa que se mellora a accesibilidade a un grupo de vivendas que foron reacondicionadas para acoller familias que están a pasar por dificultades económicas. É por iso que, ás veces, o pouco vale moito.

25 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.