Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Abre a oficina ca que a Deputación da Coruña axudará ós municipios da provincia a redactar propostas para os fondos Next Generation // O plan estatal de vivenda prevé axudas a colectivos vulnerables e bonos de alugueiro para mozos TEXTO S. Souto

Apoio pioneiro ós proxectos para restaurar edificacións municipais

A Deputación da Coruña pon ao dispor dos concellos da provincia a oficina Next Deputación, ubicada no concello da Capela, para xestionar os proxectos vinculados ás axudas do Plan de Impulso do Goberno de España á rehabilitación de edificios públicos (Pirep) que convoca o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, vinculadas ós fondos Next Generation. O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou o carácter pioneiro da oficina para que os municipios que non dispoñan da capacidade técnica para redactar e presentar ditos proxectos poidan facelo co apoio técnico da Deputación.

Formoso, xunto co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a subdelegada, María Rivas, reuniuse este luns cos alcaldes e alcaldesas da provincia para informar das axudas do Pirep e outras accións estatais en materia de vivenda, das que se poden beneficiar os concellos.

A convocatoria destas axudas para rehabilitación de edificios públicos de titularidade municipal do Goberno ascenden a 600 millóns de euros e intégranse nun ambicioso Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación, con máis de 1.800 millóns de orzamento para o período 2022-2025.

Un Plan que inclúe 13 liñas de acción, entre as que se atopan tamén programas de axudas a particulares que permitirán acceder a unha vivenda a colectivos vulnerables, para que as persoas mozas podan adquirir vivendas nos municipios de menos de 10.000 habitantes, o Bono Aluguer Xoven (250 € ó mes para menores de 35 anos) ou a posta a disposición de vivendas da SAREB e entidades públicas para vivenda social.

O Ministerio lanza a convocatoria de 600 millóns en axudas a municipios e deputacións para rehabilitar edificios públicos de titularidade local. Permitirán acondicionar instalacións administrativas, educativas, asistenciais, deportivas, sanitarias ou culturais. É o primeiro programa de rehabilitación de edificios públicos con enfoque integral, que vai permitir ademais mellorar a eficiencia enerxética dos edificios públicos, cunha redución do 30 % no consumo de enerxías non renovables.

Tamén se poderán financiar outras actuacións que permitan solucionar deficiencias e mellorar as prestacións relativas a cuestións como habitabilidade, accesibilidade e mellorar distribucións que agora están obsoletas ou desactualizadas.

O orzamento das axudas financiará ata o 100 % no caso de que sexa relacionada co consumo de enerxía primaria non renovable, e de forma limitada ata un máximo do 85 % para o resto de actuacións non enerxéticas. A convocatoria articúlase en dúas liñas. A primeira, dotada con 250 millóns de euros, para financiar a rehabilitación de inmobles cuxa recepción de obra se realice antes do 30 de setembro de 2024. Os requisitos serán os da convocatoria e as entidades locais poden presentar propostas ata o 25 de abril. A segunda, de 350 millóns, permitirá levar a cabo proxectos de renovación que finalicen antes do 31 de marzo de 2026. O prazo rematará o 3 de xullo. Neste caso haberá que cumprir dous requisitos adicionais: que o orzamento da obra sexa igual ou superior a 50.000 euros, que a superficie na que se vaia intervir supere os 1.000 m2 ou que o grao de intervención sexa superior a 500 €/m2.

o protagonista
“O MÁXIMO É DE TRES MILLÓNS POR PROXECTO”
José Miñones
Delegado do Goberno en Galicia

José Miñones definiu as liñas do Pirep como unha “oportunidade única” para os concellos, aos que animou a presentar solicitudes. “O municipalismo é clave para que todos os programas cheguen á veciñanza”, explicou. Engadiu que dentro das axudas destinadas á rehabilitación de vivendas públicas dirixidas ós concellos “a contía maxima por proxecto é de 3 millons. Os concellos de mais de 50.000 habitantes poderán presentar ata 5 proxectos, os de entre 50.000 e 20.000 habitantes 3 proxectos e os de menos, 2”.

{ a letra pequena }
Apuntalando
Suso Souto

segundo o artigo 47 da Constitución española, todos os españois temos dereito a desfrutar dunha vivienda digna e adecuada, e os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do solo dacordo co interese xeral para impedir a especulación. O plan estatal de vivenda e rehabilitación vai nesa dirección, ó contemplar axudas a particulares en situación de vulnerabilidade e a menores de 35, e destinar a vivendas sociais pisos do Sareb. Apuntalando un dereito constitucional. En canto ó apoio técnico da Deputación ós concellos para redactar proxectos cos que optar a fondos europeos para rehabilitar edificios municipais, apuntálase a colaboración institucional en beneficio de todos os cidadáns.

19 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.