Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Aposta en Caldas: mellorar un Camiño Portugués sostible

A vila acolleu unhas xornadas sobre a Ruta nas que participou, entre outros, o arcebispo de Compostela, monseñor Julián Barrio

Caldas de Reis acolleu esta semana as quintas Xornadas Internacionais de Medio Ambiente e Turismo Sostible no Camiño Portugués nas que se reivindicou unha estratexia pola protección da natureza e pola sostibilidade no desenvolvemento desta ruta xacobea. As xornadas foron organizadas polo Concello de Caldas e o Programa de Municipios Saudables e Sostibles 2000-2025, baixo a dirección do profesor Francisco Peña, e contou co apoio da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, ademais do patrocinio e a colaboración de diversas empresas.

Na sesión de clausura interveu o arzebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, que destacou a importancia da ecoloxía integral e humana, e destacou que o Camiño pon os peregrinos en contacto coa natureza e con outras culturas e sociedades.

Os diversos relatores, destacaron a singularidade do Camiño Portugués, segundo en importancia, e a súa integración no medio ambiente, no territorio e na tradición, e a necesidade de manter os valores intrínsecos do Camiño e protexer o patrimonio natural, paisaxístico e ambiental no seu percorrido verde.

Os participantes valoraron as diferentes actuacións para garantir a sostibilidade dos territorios que atravesa o Camiño, e as medidas de prevención, información, sensibilización e protección que están a levar a cabo as diferentes administracións, entidades e empresas vinculadas co seu desenvolvemento.

Tamén foi analizada a seguridade do Camiño fronte a covid, as boas perspectivas de futuro e a loita contra o cambio climático cunha perspectiva global, pero tamén dende a óptica de Galicia e das administracións locais de Pontevedra.

LUGAR ESTRATÉXICO. O profesor Francisco Peña destacou que “Caldas de Reis é un lugar estratéxico e un referente ambiental en Galicia despois de vinte anos acollendo o curso de saúde ambiental e cinco edicións de estas xornadas internacionais do Camiño Portugués, que son un foro para reunir responsables de diferentes entidades comprometidas cun medio ambiente máis saudable e sostible”.

O primeiro tenente de alcalde de Caldas, Manuel González, destacou na inauguración das xornadas o compromiso medioambiental do Concello de Caldas de Reis e a súa aposta pola protección do medio natural e a paisaxe.

24 oct 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.