Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A Xunta destinou 18.000 euros ao programa Verán Activo de Boqueixón, no que participan máis dun cento de nenos de entre 3 e 12 anos // Tamén presta apoio ao funcionamento do CIM desta vila, que comparte con Vedra e Touro TEXTO C. Estévez

Aposta por unha conciliación que non prexudique á muller

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avogou este mércores en Boqueixón por unha conciliación corresponsable durante a visita que realizou ao programa Verán Activo que financia a Xunta con 18.000 euros e no que participan máis de 100 nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, o que permite ás familias do municipio conciliar, ao tempo que se ofrece unha alternativa de lecer aos máis pequenos.

Lorenzana explicou que é un eixo prioritario da Xunta que as mulleres e os homes teñan as mesmas oportunidades en igualdade de condicións e, por iso, destacou que o Goberno galego “aposta por políticas de conciliación corresponsable para conseguir a incorporación plena da muller ao mercado laboral e a súa permanencia no mesmo”, fomentando, ademais, a autonomía e independencia económica das mulleres que teñan fillos menores ou familiares ao seu cargo. “Son valores, ademais, que debemos inculcar aos máis novos”, engadiu. Tras a visita a esta iniciativa, a conselleira achegouse, tamén en Boqueixón, ao Centro de Información á Muller (CIM) que presta servizo, ademais, ás localidades de Vedra e Touro.

A Xunta está a destinar a este centro 28.000 euros cada ano para posibilitar o seu funcionamento. Trátase, en palabras de Lorenzana, dun espazo “de referencia” na zona para asesorar ás mulleres da contorna en diferentes materias relacionadas principalmente coa igualdade e informarlles sobre os recursos a súa disposición para facer fronte a casos de violencia de xénero.

As axudas da convocatoria deste ano a concellos e outras entidades locais para potenciar a conciliación e a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, así como apoiar aos Centros de Información á Muller (CIM) contaron cun investimento de máis de 1,9 millóns de euros para a provincia da Coruña. Concretamente, concedéronse máis de 1,2 millóns euros a 29 Centros de Información á Muller da provincia coruñesa, máis de 520.000 euros ao fomento da conciliación en 36 municipios coruñeses e case 100.000 euros á promoción da igualdade entre mulleres e homes e para a prevención e tratamento da violencia de xénero dos que se beneficiaron sete concellos da provincia.

O programa Verán Activo de Boqueixón arrancou o pasado 23 de xuño e estenderase ata o 7 de setembro. As actividades estanse a desenvolver no CPIP Antonio Orza Couto. O horario é de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas, coa posibilidade de ampliación horaria (así foi en xullo e está a ser neste mes) en caso de necesidade (adiantando a entrada ás 8.00 horas, atrasando a saída ás 15.00 horas ou ambas as dúas opcións ). Hai que lembrar que dende o Concello, a parte do Verán Activo, que leva a cabo en colaboración coa Xunta, tamén se puxeron en marcha durante o verán varias actividadesde ocio, algunhas xunto ao veciño municipio de Vedra. Os nenos e nenas poden desfrutar da piscina municipal así como de cursos de natación. Non faltan espectáculos ou excursións para amenizar o tempo de ocio dos máis pequenos, e de paso, liberar un pouco aos pais e nais que non se atopan de vacacións e que precisan axuda para conciliar.

A PROTAGONISTA
“Artellar respostas conxuntas”
María Jesús Lorenzana
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

A conselleira apuntou que a conciliación da vida persoal, laboral e familiar e a corresponsabilidade debe implicar a toda a sociedade, polo que subliñou a importancia de artellar “respostas conxuntas, marcos de colaboración nos que cooperemos todos os axentes involucrados, como a Administración autonómica, as entidades locais e o tecido asociativo e empresarial”, indicou.

Neste senso, puxo en valor os programas de conciliación da vida familiar e laboral que están a desenvolver numerosos concellos e mancomunidades galegas co apoio económico da Xunta durante períodos non lectivos, con especial reforzo no verán. No Verán Activo, o programa lúdico-educativo de Boqueixón, os nenos e nenas están a participar en diferentes actividades como obradoiros, paseos ao aire libre ou talleres de lectura e pintura.

{ A OLLADA }
Conciliación real?
Claudina Estévez

é surrealista que sigamos a falar de políticas de conciliación “para conseguir a incorporación plena da muller ao mercado laboral”. Eu pregúntome, eses nenos e nenas non teñen pais? Non sei porque se dá por suposto que en caso de ter un dos proxenitores que facer unha pausa laboral, vai ser a muller. Eso por un lado, e por outro, por moito que se fagan actividades para os nenos, a conciliación dista moito de ser a que se necesita, polo menos en España. De verdade catro meses son suficientes para que os pais se “olviden” do bebé e volvan ao traballo? Está ben que se equiparasen os permisos, pero ese tempo queda moi lonxe do que sería realista. E si, neste caso, a muller é a máis prexudicada porque ela é o alimento do bebé.

18 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.