Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Apostan polo benestar animal para beneficio dos gandeiros

Clun organizou en Touro un encontro no que se abordou a importancia desta práctica para un bo rendemento produtivo

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou este xoves en Touro nun encontro organizado por Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) sobre o benestar animal, onde destacou a súa importancia para un bo rendemento produtivo nas gandarías. Así mesmo, sinalou que a Consellería do Medio Rural ten unha liña de achegas para as entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia, que na convocatoria para 2022-2023 conta cun orzamento de 2,15 millóns de euros, para que estas entidades poidan desenvolver os programas facultativos de prevención e control de enfermidades animais.

Así, o director xeral incidiu en que estes programas “melloran as condicións hixiénicas das explotacións e de benestar animal, elevan o seu nivel produtivo e sanitario e contribúen a acadar un mellor status sanitario para a cabana gandeira galega. Ademais, facilitan o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, ao benestar e á sanidade animal”, asegurou Balseiros.

Por outra banda, tamén destacou a “forte aposta que fai a Consellería en promover entre a poboación a formación e a capacitación necesaria en materia de benestar animal, tanto en explotacións como durante o transporte de animais vivos”. Así, incidiu en que a través do Plan de formación continua 2022 –que ten en marcha a Axencia Galega da Calidade Alimentaria– estanse a desenvolver diversos cursos onde se abordan cuestións tan relevantes como o protocolo Welfare Quality e as distintas obrigas neste eido. Tamén se promove a importancia das boas prácticas antes de mover aos animais e durante o tempo que dura o traslado, así como á hora de efectuar a descarga. Ademais abórdanse outros asuntos como son a saúde e a seguridade no traballo, o manexo, a hixiene e a prevención sanitaria ou a lexislación sobre benestar animal.

Un dos principios nos que se basea a política da Unión Europea é que non se deben causar aos animais danos ou sufrimentos innecesarios. Isto desenvólvese nunha serie de normas sobre o benestar dos mesmos.

18 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.