Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Ames, Teo, Ribeira, Boiro e Carballo son as vilas máis beneficiadas por esta liña de axudas // As achegas permitirán aos concellos contratar durante un ano a persoas sen traballo para a prestación de servizos municipais básicos TEXTO Claudina Estévez

Área crea emprego grazas aos 1,8 millóns que recibe do PEL

A Deputación Provincial da Coruña inviste este ano 3,6 millóns de euros para crear emprego nos 93 municipios da provincia. Faino a través dunha nova convocatoria do programa PEL-Concellos, unha das liñas do seu consolidado Plan de Emprego Local (PEL), que este ano destinará máis de 12,8 millóns de euros á creación de traballo tanto no sector público como no privado.

Nas vilas da área compostelá o investimento en concreto é de 1.862.000 euros. Os concellos que conforman a comarca de Santiago van recibir en total 508.00 euros. Ames e Teo, con 52.000 €, son os máis beneficiados, seguidos de Padrón (49.000 euros), Negreira, Brión e Santa Comba (46.000 euros cada un). Na comarca de Ordes-Arzúa o investimento é de 309.000 €. A maior achega recíbea Ordes, con 49.000 euros, seguido de Oroso e Melide, que obterán 43.000.

Os municipios do Barbanza obteñen este ano do PEL-Concellos un total de 439.000 euros. Ribeira e Boiro son os maiores beneficiarios, ao recibir cada un 52.000 euros. E en Costa da Morte-Bergantiños a contía destinada pola Deputación coruñesa é de 606.000 euros. Carballo é a vila que máis subvención percibe (52.000) e logo Cee, con 49.000.

Esta liña de axudas permitirá ós concellos contratar durante un ano a persoas desempregadas para a prestación de servizos municipais básicos, como, por exemplo, limpeza viaria, mantemento da iluminación pública, recollida e tratamento de residuos, abastecemento de auga potable e redes de sumidoiros, melloras nos accesos aos núcleos de poboación, pavimentación das vías públicas, mantemento de parques e xardíns, protección da salubridade pública ou mantemento e vixilancia dos centros públicos de ensino.

O importe a recibir por cada municipio con menos de 50.000 habitantes varía en función da porcentaxe resultante de dividir o número de persoas desempregadas entre o número total de persoas sen traballo, oscilando as cifras entre os 19.000 e os 52.000 euros. Pola súa banda, os concellos da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela optarán a unha contía única de 75.000 euros para a contratación de persoal.

As administracións locais poderán destinar as subvencións a financiar os custos salariais e de Seguridade Social derivados da contratación do novo persoal, ademais das indemnizacións de fin de contrato e os cursos de formación en materia de riscos laborais que deban realizar as persoas contratadas segundo a lexislación laboral vixente.

As e os operarios terán unha xornada mínima semanal de 25 horas e realizarán labores relacionados co desenvolvemento de servizos municipais imprescindibles. Os concellos deberán ter en conta á hora de levar a cabo os contratos que estes deben adaptarse ó establecido pola reforma laboral e que pasarán a rexerse polo Real Decreto-Lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo.

Á hora de seleccionar o persoal, según lembra a institución provincial, os concellos deberán aplicar criterios sociais e dar prioridade á inserción de persoas que pertenzan a colectivos con maiores dificultades para acceder ó mercado laboral.

O PROTAGONISTA
“Unha oportunidade laboral”
Valentín González Formoso
Presidente da Deputación Provincial da Coruña

O PEL “é o maior programa de emprego impulsado por unha administración local en Galicia”, dixo Valentín González, quen destacou o “carácter social” desta liña que “ofrece unha oportunidade laboral” a centos de persoas con especiais dificultades para atopar emprego. Sostivo ademais que a creación de traballo e a protección social dos máis desfavorecidos son os obxectivos principais do Goberno provincial para “impulsar a recuperación económica de forma xusta, apoiando ós colectivos que máis o necesitan”. Asemade, anunciou que a final de mes a Deputación convocará as liñas do PEL-2023 para apoiar a creación de emprego no sector privado, financiando ata o 80 % das novas contratacións, así como os investimentos das Pemes e as liñas de apoio ós autónomos, dotadas con 7.654.000 euros.

{ A OLLADA }
Épocas complicadas
Claudina Estévez

Son anos xa queixándonos das tremendas dificultades que existen á hora de atopar un traballo en condicións. Os mozos de hoxe somos a xeración máis formada pero, sen dúbida, a máis desaproveitada. De nada vale acumular títulos no caixón se os coñecementos non os podemos levar á práctica. O contexto social e económico actual é dos peores dos últimos anos. Sen dúbida, atopámonos nun momento complicado para inserirnos no mercado laboral e é por iso que toda axuda é pouca á hora de fomentar o emprego. As subvencións que a Deputación da Coruña concede aos concellos para dar traballo aos desempregados chegan unha vez máis como auga de maio. Serán un alivio para moitas persoas fartas de quedarse na casa.

24 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.