Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Aríns: “Á xente nova interésalle falar do pasado, da guerra ou da ditatura”

A Deputación celebrou en Cuntis a segunda xornada de ‘A(des)memoria nas aulas’ para compartir entre docentes e alumnado experiencias inspiradoras

“A xente nova e adolescente ten curiosidade. Ten sensibilidade. Si lle interesa falar da memoria; si lle interesa saber do pasado. A Guerra Civil, a represión, a ditadura e os anos da fame son temas que lle interesan totalmente”. Así de contundente se amosou a docente e escritora Susana Sánchez Aríns no seu relatorio nas xornadas A (des)memoria nas aulas, organizada polo departamento de Memoria Histórica da Deputación para a comunidade docente da provincia.

Aríns animou ao profesorado a incluír a memoria no temario das súas aulas e argumentou a súa afirmación na súa experiencia co alumnado tanto nas presentacións que fai como autora do libro Seique, coma polo seu labor docente no CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis.

Neste último campo puxo sobre a mesa o traballo feito dende o departamento de Lingua Castelá e Lingua Galega en 4º da ESO do seu instituto, co que fixo un proxecto de investigación no que abordar o impacto do golpe do 36 na vida local e familiar.

Este traballo incluíu o visionado de documentais e visitas ao centro de día de maiores de Cuntis, onde persoas descendentes de represaliadas contaron ao alumnado as súas vivencias da represión.

“As rapazas e rapaces déronse conta da cercanía. De que pasaran cousas preto da súa casa ou que tiñan situacións na súa propia casa. Ubicaron e visualizaron lugares onde houbo paseos ou rapas, nos que apareceron cadáveres en estradas polas que pasan a diario... e despois viñan á biblioteca consultar nos ordenadores por se atopaban información sobre a súa familia na web do proxecto Nomes e voces da USC”, dixo.

A escritora destacou que é preciso que a comunidade docente aborde a memoria nas aulas para eliminar o trauma de falar da represión. Tamén afirmou que a primeira xeración reacciona ante a barbarie do acontecido pensando que é inexplicable, a segunda de maneira innominable (calando) e a terceira asegurando que é impensable.

03 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.