Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O ambicioso proxecto contempla actuacións en pontes, lavadoiros, fontes, obras de arte, arqueoloxía, no xardín botánico e a carballeira, no Camiño Portugués e no casco histórico // Pretenden favorecer a actividade turística TEXTO Manuel E. Boo

Arranca en Caldas un plan para recuperar o seu rico patrimonio

A concelleira de Cultura de Caldas de Reis, María López, e o concelleiro de Obras, Manuel González, presentaron o novo Plan Municipal de Restauración e Conservación do Patrimonio Histórico municipal para o período 2021-2023. Trátase dun ambicioso programa de actuacións, algunhas delas xa en marcha e outras proxectadas, que persegue manter nun adecuado estado de conservación o gran legado de recursos con valor patrimonial, cultural, histórico, artístico cos que conta Caldas de Reis. A iniciativa busca pór en valor todos estes bens para divulgar o seu coñecemento entre a cidadanía e, dese xeito, favorecer tamén a actividade turística ao seu arredor.

O Plan integral serve como ferramenta para a planificación e xestión das diferentes actuacións que se levarán a cabo tanto con fondos propios como mediante achegas ou apoios doutras administracións. O programa divídese en varios apartados diferenciados: Fontes do Camiño-Fontes de Caldas, Lavadoiros, Pontes de Caldas, Patrimonio do Casco Histórico-ARI, Restauración de Obras de Arte, Patrimonio Arqueolóxico, Patrimonio Eclesiástico, Xardín Botánico e Carballeira, Patrimonio Industrial de Segade, Camiño Portugués, Interpretación do Patrimonio, Educación sobre o Patrimonio, Sinalización do Patrimonio e Publicacións sobre Cultura e Patrimonio.

No capítulo de Fontes do Camiño englóbanse actuacións sobre a Fonte de Tivo (xa en marcha), a restauración da Fonte de Pazo, o Proxecto e limpeza da Fonte de Faramentáns, a limpeza da Fonte de Segade, así como o mantemento das fontes xa restauradas. En canto a lavadoiros contémplase a rehabilitación do lavadoiro na beira do Umia, a rehabilitación do lavadoiro termal e a limpeza e acondicionamento dos lavadoiros do rural.

En Pontes de Caldas están os proxectos de restauración da pontella de Segade (xa en marcha), a restauración da ponte do Bermaña para o que se solicitará o apoio económico da Xunta de Galicia, a limpeza da vexetación da ponte da Ferrería, xa realizado, o proxecto e restauración do petril da ponte romana de Segade e proxectos sobre outras pontes e pontellas.

Xa no apartado de Patrimonio do Casco Histórico da zona ARI prevese a restauración da placa de mármore da Praza Arzobispo Martín de Herrera, a restauración da “plazuela”, obra de Genaro de la Fuente, a restitución de dous maceteiros de forxa na reixa de entrada do Xulgado, a restauración de elementos escultóricos da fachada do Concello, a limpeza da fachada da Praza de Abastos, etc.

No relativo a obras de arte o plan contempla a restauración do Muro das Palabras obra de Chavi Muñoz da Mostra Kaldarte, que está situada no Paseo Román López, a da escultura de Manolo Paz nos Choróns, que será realizada polo propio artista. Tamén está prevista a restauración do retablo da Casa do Concello, a rehabilitación do busto en xeso de Bernardo Mateo Sagasta e a do monumento funerario a Román López.

En canto a patrimonio arqueolóxico están en marcha actuacións sobre os petróglifos do monte Xiabre e o seguimento arqueolóxico de diferentes obras municipais. No Xardín Botánico e na Carballeira seguiranse as actuacións previstas no Plan Director deste espazo catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC), mentres que na Finca de Segade, onde xa se está a actuar, prográmase a restauración dalgunhas das edificacións da Fábrica da Luz e a restitución dos camiños antigos.

No trazado do Camiño Portugués levaranse a cabo actuacións de acondicionamento e mellora da paisaxe, limpeza e mantemento das contornas, ademais de intervencións artísticas e melloras nos pavimentos en diferentes espazos.

En interpretación e educación sobre o patrimonio acóllense diferentes iniciativas como unha exposición ao aire libre sobre os Reis de Caldas, a reubicación da réplica do Tesouro de Caldas no Centro Comarcal, a interpretación da Igrexa de Santo Tomé Becket, así como a Semana da Ciencia Sabio Caldas e diferentes actividades de índole didáctica.

O Plan recolle a Sinalización dixital no marco do Programa Depo Tourist Inside Rías Baixas, a sinalización direccional das igrexas do rural, a sinalización de Segade e do centro histórico.

05 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.