Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Alfonso Rueda visitou a do Pino con motivo do primeiro día no que se aplica a gratuidade // Galicia é a única comunidade de España que adoptou esta medida TEXTO Claudina Estévez

Arranca o curso nas escolas infantís: este ano todas de balde

Este luns arrancaba un novo curso escolar nos centros infantís e facíao cunha aposta pioneira que chega da man da Xunta: a gratuidade de todas as escolas de 0 a 3 anos da comunidade. Unha medida da que se beneficiarán 30.000 familias sen ter que realizar ningún trámite. “A conciliación hai que facilitala con medidas reais como esta. É unha medida pioneira en toda España”, sinalou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante unha visita á escola infantil do Pino con motivo do inicio de curso nesta etapa educativa na que agradeceu o traballo diario que realizan os miles de docentes que traballan nestes centros.

O titular do Goberno galego resaltou que a Xunta vai investir máis de 50 millóns de euros por curso para aplicar a gratuidade xeneralizada nas escolas infantís (xa sexan públicas, privadas ou de iniciativa social) da Comunidade galega.

O obxectivo é fomentar a conciliación, facilitar que calquera neno poida acceder a este servizo (con independencia da situación económica da súa familia) e contribuír a aliviar as economías domésticas ao implicar un aforro medio de entre 1.500 e 2.000 € anuais para as familias. “É unha medida que supón un investimento moi importante para que miles de familias aforren unha cantidade importante que dedicar a outras necesidades”, sinalou Alfonso Rueda durante a súa visita a esa escola infantil do Pino.

A Xunta duplicou desde 2009 as prazas de Educación Infantil, abriu 95 casas niño para que os nenos do rural teñan acceso á educación infantil gratuíta e habilitou apoios para as familias como o Bono Coidado ou a Tarxeta Benvida.

natalidade A parte da gratuidade nas escolas infantís de 0 a 3 anos, a Xunta de Galicia apoia a natalidade a través do Bono Coidado e a Tarxeta Benvida. O primeiro consiste nunha axuda económica para familias con nenos e nenas menores de doce anos que precisen dun recurso personalizado a domicilio para cubrir as necesidades puntuais derivadas da conciliación. A contía da axuda é variable en función da renda da unidade familiar e oscila entre os 7 e os 14 euros por cada hora.

Pola súa parte, a segunda é unha unha tarxeta moedeiro destinada a botar unha man nos gastos básicos do bebé como vacinas e outros artículos de primeira necesidade. Con carácter xeral, a contía total desta axuda é de 1.200 euros por cada fillo ou filla, e dela xa se levan beneficiado unhas 78.000 familias. Poden solicitalas as que residan en Galicia e teñan bebés nados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022.

O PROTAGONISTA
“Un referente absoluto en conciliación”
Alfonso Rueda
Presidente da Xunta de Galicia

O presidente da Xunta resaltou que Galicia “é un referente absoluto en conciliación e educación infantil en España”. De feito, dende o Goberno galego lembraron que “xa levan dado pasos pioneiros nesta materia nos últimos anos”.

Alfonso Rueda destacou asemade o compromiso da Xunta con todas as familias: “a gratuidade nas escolas infantís é unha medida que se engloba na obriga que temos as administracións de coidar das persoas desde o berce ata o bastón, é dicir, desde o seu nacemento ata as idades máis avanzadas nas que volven precisar dun especial coidado por parte da Administración”, destacou o presidente autonómico durante a súa visita á escola infantil do Pino este luns.

{ A OLLADA }
Caída histórica
Claudina Estévez

Ante a crise económica que estamos a vivir é dende logo fundamental que pouco a pouco se vaian tomando medidas para axudar nos gastos (e á hora de conciliar) ás familias. Ultimamente os medios fanse eco de que España está a sufrir unha caída histórica da natalidade, e non é de estrañar. Os tempos cambian e o entorno laboral e a pouca estabilidade económica non fan máis que retrasar o momento de ter fillos (de querer telos). E si, a gratuidade nas garderías galegas chega como auga de maio este ano, pero non nos esquezamos de que non está todo feito neste ámbito. Galicia e España en xeral aínda teñen moito que facer. As axudas existen pero son moi pero que moi escasas e non impulsan a natalidade. Hai que facer moito máis.

06 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.