Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Artesanía e obradoiros de estampaxe, cestería e olería para pechar a Festiletras

O Couto acolleu o encontro Aldeas Singulares no que se constatou o fluxo migratorio cara o rural no último ano

Ponteceso. A Xunta estará presente este domingo, día 4, na 39 edición da Mostra de Artesanía do Couto (Ponteceso), que se enmarca na programación do Festiletras. Así, a Fundación Artesanía de Galicia patrocina tres obradoiros gratuítos abertos ao público familiar para iniciarse na olería, na cestería e na estampaxe manual, unhas actividades que se levarán a cabo de 11.00 a 20.00 horas.

O primeiro dos obradoiros estará impartido polo ceramista Carlos San Claudio (Vigo) e permitiralle aos asistentes coñecer as técnicas básicas do torneado e elaborar pezas en barro. A cesteira Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño), encargarase de iniciar aos participantes nas técnicas básicas para a elaboración dun cesto con médula. Pola súa parte, a artesá Sandra Betanzos, do obradoiro Amorote (Ames), amosará unha das técnicas de estampaxe máis tradicionais e versátiles, o block printing, tanto no téxtil como no papel.

Con este tipo de iniciativas a Xunta pretende contribuír á posta en valor e á divulgación dos oficios tradicionais galegos, así como a transmitir os valores do feito á man, especialmente entre os máis novos.

Pola súa banda, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou este sábado do encontro Aldeas Singulares, organizado pola Fundación Eduardo Pondal tamén no marco da Festiletras. Alí sinalou ao cooperativismo e a economía social como axentes dinamizadores dos concellos do ámbito rural.

Subliñou que no ano 2020 houbo un cambio de tendencia nas dinámicas demográficas aldea-cidade respecto aos anos anteriores que se traduciu nun fluxo migratorio importante dos contornos urbanos ao rural. En concreto, apuntou que por vez primeira desde que hai datos estatísticos, o 100 % das comarcas galegas tivo saldo migratorio positivo.

Neste sentido, animou a seguir impulsando iniciativas como esta da Fundación Eduardo Pondal por “reivindicar as fortalezas do rural”.

Jacobo Rey destacou que a Xunta seguirá traballando para que as aldeas dispoñan das mesmas oportunidades que calquera outro territorio para atraer poboación. M. L.

04 sep 2021 / 16:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.