Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Festas. Centos de persoas rememoraron unha cita histórica, recuperada polo Concello de Zas nos últimos anos // Os máis pequenos desfrutaron cun obradoiro de barro // Tres Pesos puxo a música na sesión vermú

Artesanía, música e merendas na romaría de San Ramón nas Torres do Allo

As Torres do Allo, o pazo máis antigo de Galicia, acolleron unha pequena viaxe no tempo para rememorar a tradicional romaría de San Ramón que, cada 31 de agosto, xuntaba anos atrás a xentes chegadas de moitos lugares da contorna.

Este ano, da man do Concello de Zas, coa colaboración da Deputación da Coruña e co apoio da Asociación de Amigos do Liño, que preside Carmen Riveiro, reviviron eses tempos pasados cunha ampla feira-exposición de artesanía, música e, como non, coas tradicionais merendas familiares campestres. Centos de veciños e visitantes achegáronse ata as Torres do Allo para gozar dunha espléndida xornada á sombra dos centenarios carballos.

Foron moitos os que marcharon para as súas casas cunha peza de artesanía, e outros mesmo se interesaron por coñecer as técnicas para elaborar un cesto, unha pandeireta e outras creacións artesáns. A oferta foi ampla e variada: encaixe de bolillos, artesanía en liño e palla, olería, bixutería, cesteiría, instrumentos musicais, complementos e mesmo debuxos feitos con café. O alcalde, Manuel Muíño, foi agasallado polos artesáns participantes cun destes curiosos debuxos, no que o artista creador inmortalizou ao propio rexedor. Os máis pequenos tamén gozaron dunha animada mañá e convertéronse por un día en oleiros para aprender a elaborar as súas pezas en barro nun obradoiro infantil, coordinado pola técnica de Cultura, Tania Carreira.

Logo dunha animada mañá artesá, chegou o concerto do grupo Tres Pesos, que amenizou a sesión vermú antes de dar paso ás tradicionais merendas de campo nun espazo habilitado para tal fin, xusto ao carón das Torres do Allo.

Entre os asistentes a esta xornada festiva, ademais do alcalde, Manuel Muíño, e os concelleiros Óscar Lema e José Manuel Brenlla, estaban Rafael López Riobóo, representante da familia Riobóo, propietaria das Torres do Allo, e o catedrático baiés Jorge Mira, quen fixo unha lembranza de como eran as antigas romarías de San Ramón do Allo.

CAMPAMENTOS. As Torres do Allo foron durante todo o verán un dos epicentros culturais da Costa da Morte e tamén de múltiples actividades de lecer. Entre elas, os campamentos urbanos organizados polo Concello de Zas que foron todo un éxito.

Máis de cen nenos e nenas do municipio, e tamén doutros limítrofes, participaron en catro quendas de dez días cada unha, nas que desenvolveron actividades de xénero, medioambientais e cívicas. O pasado martes, véspera de San Ramón, celebrouse a gran festa de despedida ata o próximo ano. Houbo de todo: inchables, festa da escuma e unha gran sesión musical con DJ Rokiño.

Ata alí desprazouse tamén o alcalde, Manuel Muíño, quen puido comprobar de primeira man o éxito destes campamentos, xa que tanto os pais e nais como os nenos e nenas contáronlle “o ben que o pasaran”. O rexedor aproveitou a ocasión para desexarlles “unha feliz volta ao cole”.

CASTROMIL. Moi preto do Allo, no lugar de Castromil, do veciño municipio de Vimianzo, tamén tiveron este mércores a festividade de San Ramón. As celebracións comezaron cunha misa solemne, ás 13.00 horas, á que seguiu a tradicional procesión pola praza de Castromil. De seguido, ao son das gaitas, o grupo Foliada de Salto deleitou aos asistentes cunha aplaudida sesión de baile. O dúo Charada encargouse de animar a sesión vermú e tamén a verbena na compaña da disco móbil SúperFabrik.

01 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Zas
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.