Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Xa están rematadas as obras de rehabilitación da Casa de Correos, que agora é un edificio de uso público destinado a actividades culturais // O proxecto centrouse na recuperación da construción orixinal e elimináronse os engadidos posteriores // Os traballos arrancaron en xaneiro de 2021 TEXTO Claudina Estévez

Arzúa borra un “pendente” da lista

As obras na Casa de Correos de Arzúa arrancaban en xaneiro de 2021 e facíano despois de que o proxecto pasase anos esquecido nun caixón. Agora, por fin, os traballos chegaron o seu fin e o Concello xa pode borrar unha cousa máis da lista de “pendentes”. De feito o pasado xoves achegábase ata o municipio a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, para asistir á entrega da obra de rehabilitación da antiga Casa de Correos. O proxecto contou cunha achega de 600.000 euros do Ministerio de Transportes, Movilidade y Agenda Urbana (MITMA). Dende o goberno local lembran que o inmoble é do Xacobeo, pero foi o Concello o que decidiu investir esa subvención do entón Ministerio de Fomento na reforma.

Os traballos consistiron na rehabilitación e a conversión da antiga Casa de Correos de Arzúa, sita na rúa das Dores, nun edificio de uso público destinado ás actividades culturais. O proxecto centrouse na recuperación da construción orixinal, eliminando os engadidos posteriores que se fixeron e adaptando o edificio á normativa vixente e ao seu novo uso como centro cultural, con actividades relacionadas co Camiño de Santiago e a súa interacción en Arzúa onde conflúen os trazados (Camiño do Norte e Camiño Francés), e con outros usos culturais.

As intervencións inclúen o acondicionamiento do xardín, que quedou incorporado á rede de espazos libres da vila, e a conexión dun itinerario que conecta tanto ese novo espazo público co xardín do albergue de peregrinos e o acceso á Capela da Madalena. Os traballos tamén contemplaron o tratamento do entorno, ofrecendo solucións de continuidade. E é que coa eliminación dos aseos construídos na fachada posterior, o histórico inmoble amosa un acabado continuo.

Hai que lembrar que os labores de mellora víronse afectados durante o seu desenvolvemento ao descubrirse restos arqueolóxicos no xardín e na planta baixa do edificio. En abril de 2021 coñecíanse os achados, apenas tres meses despois de que arrancaran as obras. Isto obrigou a modificar o proxecto e demorouse a súa execución. Por certo que de momento, segundo indicaron fontes municipais, aínda non hai data para a estrea do edificio con actividades culturais. Con todo, o novo edificio xa é unha realidade.

O PROTAGONISTA
“Chega tras moito tempo e unha loita constante”
José Luís García
Alcalde de Arzúa

“É unha enorme satisfacción, despois de tanto tempo e dunha loita constante por parte do noso goberno, que Arzúa e os seus veciños e veciñas poidan desfrutar, por fin, dun fermoso inmoble completamente rehabilitado xunto cun remodelado xardín que converte esta zona do casco antigo nunha das de maior encanto do municipio”, indicou ao respecto o rexedor da vila. “Agora o importante é buscar un uso axeitado ás características da edificación e ás necesidades veciñais, tendo en conta ademais que os investimentos cos que se fixo a intervención obrigaban a que o seu uso fose de interese turístico e cultural”, aclarou.

“Dada a implicación e compromiso do goberno local na rehabilitación deste espazo, destinando a esta finalidade un investimento de case 600.000 euros aportados polo entón Ministerio de Fomento, agora parece de xustiza que sexa o Concello quen poida desfrutar dunha plena disposición do inmoble”, dixo o alcalde.

{ A OLLADA }
Un obxectivo cumprido
Claudina Estévez

SEMPRE É unha boa nova que aqueles inmobles que están en desuso, por fin, se convertan nun espazo útil. No caso da Casa de Correos de Arzúa foi iso o que sucedeu. De feito esta obra, que finalmente está lista, foi unha loita constante do Concello, que no seu momento optou por destinar a achega que daba Fomento aos municipios á rehabilitación do edificio para que así os traballos de reforma saísen adiante. Agora moi pronto poderá estrearse e empregarse para o desenvolvemento de actividades de tipo cultural. Unha acertada decisión dado que desta maneira o local destinarase ao desfrute de toda a veciñanza e acollerá propostas variadas nas que a xente poderán investir o seu tempo libre. O Concello xa se quitou esa espiña.

03 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.