Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Os rexedores dos concellos afectados agardan que o final chegue pronto para que se alivie o tráfico // Os últimos datos sitúan a conclusión da infraestrutura no 2024 // A falta de materiais ou os achados arqueolóxicos causaron retrasos TEXTO A. Prada

Arzúa e Melide: á expectativa do remate das obras na A-54

A autovía A-54 Lugo-Santiago continúa inacabada, e o retraso das obras segue a cobrarse as súas “vítimas”: Santiago de Compostela, O Pino, Arzúa, Melide, Santiso, Palas de Rei, Monterroso, Guntín e Lugo. Son os grandes afectados por uns traballos que arrancaron hai anos e que actualmente continúan activos. E é que quedan pendentes aínda os tramos intermedios que unen Palas de Rei con Melide e Melide con Arzúa.

Precisamente, o rexedor de Melide, José Manuel Pérez, agarda que pronto o municipio se vexa beneficiado por estas obras, que dende logo axudarán a aliviar o tráfico. E é que hai que ter en conta que os núcleos de Melide e Arzúa están “abrumados” pola cantidade de tráfico que transita pola estrada N-547.

O alcalde arzuán, José Luís García, confirma que para o Concello é vital que se remate canto antes o tramo de autovía pendente, “para que o noso municipio non teña que seguir soportando a cantidade de tráfico pesado que na actualidade circula pola estrada N-547, algo que repercute de maneira notable na seguridade vial e tamén no benestar de todos os nosos veciños e veciñas que se ven afectados por esta situación”, argumentou. “De todos os xeitos, consideramos unha moi boa nova que xa estea prevista unha data para a súa finalización e, sobre todo, que o Goberno do Estado incluíra unha importante partida orzamentaria para esta finalidade, que é a única maneira de que se poida concluír no prazo anunciado”.

Porque o pasado setembro, o Ministerio de Transportes marcaba a data de finalización para este traballo: 2024. Asemade dende ese departamento indicaban que no 2022 destináronse 16,1 millóns de euros para as obras que teñen que ver con esta infraestrutura, pero que o proxecto ten asignado aportes ata o 2025.

Pola súa parte, o rexedor do Pino, municipio que xa goza dos beneficios da autovía, está a notar o descenso de tráfico. Así o confirmaba a este xornal o alcalde, Manuel Taboada: “O tráfico en Arca e pola N-547 reduciuse considerablemente dende que está operativo o tramo da A-54. Isto, para O Pino, supón unha redución de riscos de accidentes, debido ao alto volume de peregrinos que pasan polo noso municipio. A autovía tampouco supuxo unha redución importante da economía na vila, xa que o sector máis forte está relacionado cos peregrinos, e a súa afluencia vai en aumento, afortunadamente tamén con maior seguridade viaria”, dixo o mandatario local. Apuntou, iso si, que é importante “que se rematen os dous tramos da autovía Lugo-Santiago que faltan, entre Arzúa e Palas. Unha infraestrutura necesaria para vertebrar o noso territorio e reducir tráfico de pobos como Arzúa ou Melide”, sentenciou o rexedor popular do Pino.

Hai que lembrar que os motivos da tardanza foron varios. Entre eles hai que nomear os retrasos na entrega de materiais. Tamén a folga do transporte de marzo paralizou a autovía. E o mesmo sucedeu ao comezo da pandemia. Asemade, freou o proxecto o descubrimento de numerosos xacementos arqueolóxicos. Atopáronse uns 14 durante o desenvolvemento das obras, incluíndo unha aldea galaico-romana de máis de 2.000 anos de antigüidade no río Boente, entre Arzúa e Melide.

Ademais, esta infraestrutura tamén se viu prexudicada polos traballos para protexer a especies autóctonas en perigo de extinción. En definitiva, fóronse sumando unha serie de imponderábeis que fixeron que os labores na autovía se fosen demorando cada vez máis.

“Reduciranse os tempos para desprazarse coa autovía”
José Manuel Pérez, alcalde de Melide

O rexedor de Melide, un dos municipios máis afectados polas interminables obras da A-54 Lugo-Santiago, considera que o remate da autovía “suporá unha maior vertebración, o que vai implicar unha redución de tempos nos desprazamentos”, indicou. “O noso Concello, como capital comarcal e coa ampla actividade comercial e cultural que presenta, verase beneficiado”, considera o alcalde. Iso si, de momento Melide é un dos municipios máis afectados polos dous tramos que quedan pendentes de dita infraestrutura. A veciñanza da vila agarda con ansia o remate das obras, que agora teñen data de 2024.

30 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.