Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

As institucións e mailos cidadáns réndense a figura e obra de Rosalía

Xunta, Parlamento e estudantes leeron poemas polo 185 aniversario da escritora // “Co seu exemplo activou os resortes que sustentan o noso amor propio, o orgullo de ser galegos” asegurou Miguel Santalices no seu discurso

Así, a Xunta sumouse aos actos impulsados polo Parlamento de Galicia e pola Fundación Rosalía de Castro. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, pechou as celebracións coa lectura pública do poemario de Rosalía nun encontro celebrado no Hostal dos Reis Católicos que serviu de colofón aos actos institucionais desenvolvidos durante toda mañá en Santiago de Compostela e Padrón, dous lugares preferentes na vida e obra da escritora. Para a ocasión, Román Rodríguez escolleu o poema Na Catedral, de Follas Novas.

A xornada institucional comezou a primeira hora no Parlamento de Galicia, nun acto ao que tamén asistiu o conselleiro e que contou coa participación de alumnado do colexio CEIP Rosalía de Castro de Padrón.

Na clausura do acto, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, enmarcou a actividade no compromiso da Cámara de articular iniciativas de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e incorporar a figura da autora á programación cultural do lexislativo galego.

Para Santalices, “Rosalía pode e debe estar sempre presente no Parlamento de Galicia”, a primeira das institucións autonómicas galegas, que vén de celebrar o seu 40 aniversario. “A Galicia das últimas décadas –afirmou– é protagonista dun rexurdimento intenso que se manifesta en todos os ámbitos: no cultural, no lingüístico, no económico ou no político”.

Sen embargo, a xuízo do presidente do Parlamento de Galicia, “pouco ou nada diso tería sucedido sen a sementeira principiada por Rosalía de Castro, e por tantas e tantos outros, pero singularmente por Rosalía, que coa súa obra, e mesmo co seu exemplo, activou os resortes que sustentan o noso amor propio; o orgullo de ser galegos, a conciencia de ser donos do noso futuro, saber que temos unha lingua propia, agarimosa e nobre”. “Somos herdeiros de Rosalía e estamos en débeda con ela”, agregou. Santalices rematou a súa intervención animando aos presentes a asumir como propia unha reflexión que o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, Florencio Delgado Gurriarán, dirixiu ás súas amizades no Día de Galicia de 1977: “Galicia é o primeiro. Galicia debe estar por riba de todo no noso corazón, no noso pensamento e nas nosas accións”.

Ao longo do día continuou a celebración coa lectura de poemas diante da estatua de Rosalía en Padrón e unha alborada e ofrenda na praza de Vigo, na capital galega, moi preto onde naceu a autora, para finalizar no Hostal, antigo hospital onde foi bautizada a autora galega máis universal.

CAMBIO DE DATA Este é o primeiro ano que o Día de Rosalía se celebra oficialmente o 23 de febreiro logo de constatar –tras o achado dunha declaración notarial de 1843– que esta foi a data do seu nacemento, e non 24 como se pensaba ata o de agora. No marco da efeméride, a Xunta está a programar unha ampla actividade que leva ás bibliotecas públicas, centros de ensino, así como Centros de Estudos Galegos no exterior, con propostas que se prolongan máis aló da efeméride. Inclúense mostras, obradoiros, espectáculos de narración oral, conferencias ou unidades didácticas para o ensino, entre outras.

Prantan en Dodro unha figueira

DODRO. O Concello de Dodro tamén foi escenario dalgúns dos actos do Día de Rosalía. Pola tarde, o alcalde, Xavier Castro e o presidente da Fundación, Anxo Angueira, prantaron (igual que en Teo) unha figueira no consistorio, filla da que loce no xardín da Casa Museo de máis de 150 anos de antigüidade. Despois presentaron a mostra Rosalía de Castro, obra completa e manuscritos”. Tamén, nas dependencias do Hotel Pazo de Lestrove, escenificouse a obra A viaxe de Rosalía de Larraitz Urruzola Producións Artísticas. s.e./foto: sangiao

A Pobra dedícalle unha exposición

A POBRA. Tamén no Barbanza se homenaxeou a Rosalía. Na Pobra, ademais dunha ofrenda floral ante o busto que preside a praza que leva o nome da escritora, inaugurouse na alameda unha exposición con paneis informativos que fan un repaso pola súa biografía e amosan interesantes fotografías. En Ribeira, alumnos de quinto de Educación Primaria asistiron no auditorio á representación da obra Rosalía, de Culturactiva, e fíxose unha lectura en común dos versos da autora e co público coreando Parabéns para ti. s. s.

Ofrenda no Espolón padronés

Padrón. Como adoita ser habitual todos os anos, os actos do Día de Rosalía abríronse a primeira hora de mañá en Padrón coa tradicional ofrenda na estatua da escritora, no Paseo do Espolón da vila. Un acto no que estiveron presentes os alcaldes do Sar, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro e que, ademáis do tradicional sonido das gaitas do grupo Os Carapaus, este ano estivo acompañado pola lectura de poemas da escritora por parte de alumnos e alumnas dos institutos Camilo José Cela e Macías O Namorado de Padrón. s,e,

Presentan unha senda amiga da cantora do Sar
Padrón centrou unha xornada cargada de actos de homenaxe a artista máis universal

O Sar. Rosalía nos camiños é o nome dunha senda amiga de 15 quilómetros, con saída e chegada no paseo do Espolón de Padrón e que percorre os tres municipios da comarca do Sar pasando por algunhas das paraxes mencionadas no poemario En las orillas del Sar. O roteiro, deseñado por Dodro, Padrón e Rois, foi presentado este mércores durante a celebración do 185 aniversario do nacemento da poeta, diante da estatua de Rosalía en Padrón nun acto que contou coa presenza dos tres alcaldes e do presidente da Fundación Rosalía.

O acto comezou coa tradicional ofrenda floral na estatua de Rosalía no Espolón. Fixérona de forma conxunta os rexedores de Padrón, Antonio Fernández; Dodro, Xavier Castro; Rois, Ramón Tojo, e o presidente da Fundación, Anxo Angueira. A ofrenda da coroa de loureiro estivo acompañada pola actuación do grupo de gaitas Os Carapaus. Completou a conmemoración un recital de poesía por parte do alumnado dos institutos Camilo José Cela e Macías O Namorado.

“Rosalía está viva nos nosos corazóns e estamos moi orgullosos de levala sempre co nós”, sinalou o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, que abriu a quenda de intervencións agradecendo a presenza dos asistentes nunha ofrenda que se celebra por primeira vez o 23 de febreiro, despois de que a investigadora Sagrario Abelleira descubrirá que foi este día (e non o 24) cando naceu Rosalía de Castro en 1837.

Ramón Tojo, pola súa parte, actuou como voceiro dos rexedores do Sar para presentar a ruta Rosalía nos camiños, unha iniciativa coa que “o tres concellos, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, quixemos achegar o noso grao de area para poñer en valor algunhas das paraxes que aparecen mencionadas na obra da poeta galega máis universal”. En concreto, a senda pasa por algúns dos lugares máis emblemáticos dos tres municipios que aparecen reflexados na obra En las orillas del Sar.

Os concellos levan traballando no deseño desta ruta dende hai máis dun ano, despois de que Anxo Angueira sinalara que na obra antes mentada facíase mención ao lugar de Fondóns, en Rois, un dos puntos polos que pasa este roteiro. O ano pasado colocouse precisamente nesa paraxe dos Fondóns unha placa conmemorativa.

En Padrón, tanto despois da saída como antes de rematar esta senda na estatua de Rosalía, o trazado pasa polo Santiaguiño do Monte, a igrexa de Iria Flavia, a Casa Museo e por diante da casa na que a escritora pasou parte da súa infancia, na praza Ramón Tojo. Rosalía nos camiños permite coñecer tamén en Dodro o palacio de Lestrobe, a praza do Mercado, as torres de Hermida ou a fonte de Santa María.

O roteiro, que se sinalizará con fitos de pedra realizados polo canteiro José Conde e que levarán esculpida unha figueira deseñada polo escultor Camilo Seira, será inaugurada de forma oficial o sábado 21 de maio, Día das Letras Galegas. Os alcaldes animaron a toda a veciñanza a asistir á camiñada e participar deste xeito nun dos actos cos que se celebrará o Día das Letras Galegas.

A ofrenda e a presentación da ruta foi o primeiro acto oficial en Padrón para conmemorar o 185 aniversario.de Rosalía de Castro, nunha xornada chea de celebracións de todo tipo. Durante a mañá, alumnados do CEIP Flavia, CEIP Rosalía de Castro, IES Camilo José Cela e do IES Macías O Namorado plantaron fillas da figueira da Casa da Matanza nos seus respectivos centros educativos.

Xa pola tarde, a concelleira de Cultura, Lorena Couso, presentou no Xardín Botánico as Tertulias clandestinas con Rosalía, nas que a guía de turismo María Chamadoira mantivo unha conversa co locutor radiofónico José Manuel García. Veciños e veciñas de Padrón leeron poemas e o acto pechouse con música, a cargo de Fátima Pego e Josep Ruiz. A xornada rematou no auditorio de Padrón con Rafa Vilar presentando o seu libro O sal dos días, premiado no sexto certame poético Rosalía de Castro, e entregou un exemplar a cada asistente. O broche final foi o concerto do músico e bailarín Xisco Feijóo. s.e.

24 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.