Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

As redeiras galegas abastecen de artes de pesca a embarcacións de cinco países

Cubren o 90 % da demanda da pesquería artesanal de Portugal // Precisan de relevo xeracional xa que a media de idade é de 55 anos // O Peirao ten a súa sede en Malpica

Durante moito tempo foron as grandes esquecidas do mundo da pesca pero, dende o ano 2002 e froito da súa unión e bo facer, as redeiras galegas conqueriron, pouco a pouco, que se visibilizase e puxese en valor o seu labor, que é un piar fundamental para o sector. Tanto é así que coas súas mans elaboran e abastecen de artes pesqueiras ás frotas de Galicia, da cornixa cantábrica e Baleares, ademais das de países como Reino Unido, Francia, Portugal e mesmo Venezuela, entre outros, segundo Verónica Veres, presidenta da Federación Galega de Redeiras O Peirao, con sede en Malpica.

A este respecto hai que subliñar que “o 90 % das artes menores e o palangre que emprega a frota portuguesa son feitas por nós”, engade.

O feito de que os barcos deses países recorran ás redeiras galegas é “porque non teñen profesionais deste sector, e en moitos casos non dispoñen nin de lexislación propia deste oficio, xa que se segue a prestar o servizo como antigamente”, subliña Verónica Veres, quen, como vogal da Asociación Internacional de Redeiras, é ben coñecedora da realidade doutras zonas.

Aínda que os tempos non son os mellores debido ao Brexit e a conseguinte suba de aranceis, ás restricións de zonas de pesca e ao amarre da frota de cerco, o colectivo de redeiras segue a traballar sen perder o ánimo e á espera de tempos mellores nos vindeiros meses. Mentres, céntranse na reparación de aparellos e na preparación doutros para novas campañas, como a do bocarte.

A pesares dos altibaixos, como en calquera outra actividade, Verónica Veres asegura que “traballo hai”. “É máis: precisamos dun relevo xeracional, pois unha boa parte das redeiras actuais son da época do babyboom e moitas delas están próximas á xubilación”, engade. A media de idade está nos 55 anos.

FORMACIÓN. Por iso, dende a Federación Galega O Peirao, en colaboración coa Consellería de Educación, está a formar novas profesionais para garantir un oficio imprescindible para o sector pesqueiro e tamén para que non se perdan os coñecementos que atesouran as máis veteranas. “Sobre todo no cerco, pois non é unha arte que aprendas e xa o sabes todo, xa que as redes chegan cada día cunha rotura diferente e son as redeiras máis expertas as que mellor saben como arranxala”, sinala ó respecto.

Froito da última promoción, na que se formaron 47 novas redeiras, agardan que “aínda que non todas, unha boa parte se incorporen de xeito profesional nos vindeiros meses”, afirma a presidenta de O Peirao.

As redeiras exercen como traballadoras autónomas pero, a través das asociacións e da propia federación, están coordinadas entre si e mesmo se reparten traballo en función da especialización ou en momentos nos que a demanda sobrepasa a capacidad produtiva de cada grupo.

a Protagonista
“Repuntou moito o intrusismo”
Verónica Veres
Presidenta da Federación Galega de Redeiras O Peirao

Unha das cousas que volve preocupar ás redeiras profesionais é o intrusismo que, dende que se constituira a federación, fora a menos e estaba controlado, pero “a raíz da pandemia volveu repuntar bastante”, sinala a presidenta de O Peirao, Verónica Veres.

Un intrusismo que practican, en moitos casos, familiares directos de mariñeiros, e ó que agardan que coa nova campaña de inspeccións que se está a levar a cabo se lle poña coto.

Tamén está chegando produto foráneo, de países como Indochina, entre outros, “pero ese non nos dá medo, porque son artes que na maioría dos casos non cumpren nin se adaptan ás necesidades das frotas coas que nós traballamos”, sinala.

Os datos
Cento sesenta federadas

··· A Federación Galega de Redeiras O Peirao conta con cento sesenta federadas, distribuídas en oito asociacións: O Fieital, de Malpica de Bergantiños; Illa da Estrela, de Corme; Portosín e Virxe do Carme, ambas de Porto do Son; Atalaia Baixo Miño, de A Guarda; Cariño; Cedeira e O Cerco, de Cangas do Morrazo.

··· O colectivo autonómico constituíuse no ano 2014 coincidindo co III Encontro de Redeiras. O consello reitor actual está presidido pola malpicá Verónica Veres. Rosa Isabel Rodríguez é vicepresidenta; María Jesús Otero, secretaria; Rocío Fernández, a tesoureira; e Rocío Fernández, vogal da citada entidade.

··· O Peirao acadou importantes melloras para o sector, como o compromiso do Congreso para mellorar as condicións sociolaborais das redeiras e a súa capacitación profesional, a implantación dun certificado de profesionalidade e a mellora das condicións de traballo.

01 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Mar
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.