Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
José Manuel González, máis coñecido como ‘Zales’, é o gran protagonista do audiovisual // Natural de Ambroa, é un dos cantantes da famosa orquestra Los Satélites // Na peza relata como a pandemia está a afectar ao sector TEXTO Alba Prada

As redes de Tordoia arden co vídeo máis visto da súa historia

Ao mellor a moitos lectores e lectoras parécelles incrible que un vídeo subido ás redes municipais dun concello pequeno como Tordoia poida acadar máis de 13.000 visualizacións... pero sucedeu. En concreto, cando se elaboraron estas liñas onte á noitiña, eran 13.549 as persoas que o reproduciron. José Manuel González, máis coñecido como ‘Zales’, é o protagonista desta breve peza audiovisual, gravada diante da casa do concello tordoiés cun simple móbil, pero que se converteu “no vídeo máis visto da historia das nosas redes”, aseguraba a este diario o alcalde, Antonio Pereiro.

Zales é un dos cantantes da orquestra Los Satélites, unha das máis coñecidas no panorama galego. Fundada en 1938 na Coruña, sempre contou con excepcionais músicos e vocalistas, e o Concello de Tordoia logrou contactar con José, natural de Ambroa, na parroquia de Andoio. “Creo que o éxito se debe a que amosou a cara B deste mundo, un mundo que está moi afectado pola pandemia e quedou esquecido”, apunta o rexedor.

E é que segundo explicou “só se foron ao ERTE aquelas orquestras que teñen contrato durante todo o ano (por sorte, é o seu caso) pero os grupos con contratos temporais non están tendo ningún tipo de prestación”, indica Pereiro. Moito se fala do sector da hostalaría ou do comercio local, pero non nos esquezamos de que os cantantes e músicos das orquestras non puideron actuar nin unha soa vez dende que pandemia chegou ás nosas vidas.

Zales conta no vídeo que leva vinte anos do mundo da verbena. “Empecei nunha orquestra que se chamaba Os Príncipes, onde estiven 7 ou 8 anos e logo xa pasei á Los Satélites, onde vou cumprir xa quince”, conta. A pesar de que levan xa máis dun ano parados por mor da COVID “mantemos a ilusión de que isto algún día pasará e poderemos volver a facer festas e desfrutar das verbenas tan boas que temos aquí, na nosa terra”.

A orquestra Los Satélites tiña no mes de marzo do ano pasado xa 170 actuacións contratadas para o verán. “A fin de semana na que se decretou o estado de alarma tamén tiñamos actuación. Cando vimos a noticia na tele pensamos que esto ían ser quince días... e levamos máis dun ano. Seguimos aguantando e tirando das axudas que nos está dando a Xunta”.

A pesar do mal trago que está a pasar o seu sector, José Manuel séntese agradecido polo cariño que recibe do público de sempre. Explica que son moitos os que lle din que están desexando volver ás festas e iso é algo que os reconforta: “sabemos que o público vai estar aí en canto se poida, e vai ir ás verbenas, porque hai moitas gañas”, di. “Creo que todos estamos agardando a que cheguen as festas dos pobos porque é un día no que nos atopamos coa xente que ao mellor durante todo o ano non vimos”. Ogallá poidamos volver moi pronto ás verbenas “porque nos estamos distanciando todos moito e é algo moi triste, temos que intentar que non suceda”.

Zales remata o vídeo cunhas palabras de ánimo, “a vacina está aquí e pouco a pouco irémola pondo todos e poderemos empezar a desfrutar un pouquiño, a comer coa nosa familia e amigos... Moito ánimo a todos, eu creo que esto está rematando. Ogallá este verán poidamos desfrutar xa dalgunha festa”.

Unha vez se ve o vídeo chégase á conclusión do éxito: non é pretencioso, non intenta chamar a atención con ningún recurso visual, non é a exclusiva do ano; pero é directo, sincero e esperta en nós un sentimento que a pandemia logrou enterrar por completo: as gañas de socializar, de bailar, de cantar e de respirar aire puro sen unha máscara.

Todos aqueles interesados en ver o vídeo máis exitoso das redes de Tordoia, poderano atopar no Facebook municipal, nunha das entradas do programa Tordoia Cultural; unha iniciativa a través da que o Concello reivindica o seu patrimonio. Cada venres aparece unha proposta de interese: arquitectura, libros, música... Agora, tralo gran éxito desta peza, a idea é seguir ilustrando de forma adiovisual os futuros contidos do proxecto.

24 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.