Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Avanza por Oleiros e Olveira o saneamento rural en Ribeira

Adxudican redes en Cucheriza e Canabeiro e pavimentacións de viais en Meiladín e A Eirexa

O Concello de Ribeira vén de adxudicar as obras para dotar de redes de saneamento municipal ao núcleos da Cucheriza e Canabeiro, ubicados nas parroquias de Olveira e Oleiros, respectivamente.

No caso da actuación da Cucheriza, a empresa adxudicataria é Transmaser Excavaciones S.L. e o orzamento é de 80.226 euros. Vaise instalar un colector de PVC de 315 milímetros de diámetro e 956 metros de lonxitude dende a estrada DP-7103, dispoñendo pozos de rexistro cada corenta metros. A infraestrutura conectará coa rede xeral que vai de Artes a Corrubedo.

No tocante á rede de saneamento de Canabeiro, instalarase tamén un pozo de bombeo. A canalización será de 315 milímetros de diámetro e 515 metros de longo, e farase outra por un ramal cunha lonxitude de 260 metros. Tamén se disporán 21 pozos de rexistro: 14 na liña xeral e 7 no ramal. A través destes colectores conduciranse as augas fecais por gravidade ata o punto máis baixo do trazado, onde se implantará un bombeo con dúas bombas de caudal unitario de 34,92 metros cúbicos por hora. Dende alí as augas impulsaranse a través dunha tubaxe de polietileno de alta densidade de 550 metros de longo e 90 milímetros de diámetro ata conectar coa canalización da rede xeral.

Esta actuación será executada pola empresa Excavaciones Nima S.L. cun investimento de 106.961 euros.

Por outra banda, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) vén de confirmar ao Concello de Ribeira a concesión dunha axuda de 55.418 euros ao abeiro do Plan de Mellora de Camiños Municipais de Acceso a Parcelas Agrícolas 2022-2023 que vai permitir actuar no firme de dous camiños situados na parroquia de Oleiros: o que vai da Eirexa a Gándara e o situado en Meiladín.

O vial de A Eirexa a Gándara, de 660 metros de lonxitude, ten un firme de aglomerado asfáltico deteriorado. As obras de mellora previstas contemplan o desbroce e limpeza da vexetación, a aplicación dunha subbase de zahorra, a regularización do camiño con aglomerado en quente nas zonas de baches e desconchados e unha capa de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor en toda a lonxitude e ancho do vial.

No caso do camiño de Meiladín, de 445 metros de longo e de aglomerado asfáltico, aplicarase unha capa de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor en toda a lonxitude e ancho. O orzamento base é de 67.056 €.

20 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.