Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Avanzan a bo ritmo os traballos da senda peonil de Cordeiro, en Valga

Unirá a estrada PO-548 coa zona do colexio, o pavillón e a igrexa // Favorecerá a mobilidade nunha contorna na que existen importantes dotacións públicas

A senda peonil que unirá a estrada P0-548 coa zona do colexio, o pavillón e a igrexa de Cordeiro, en Valga, vai collendo forma. Nas últimas semanas as obras experimentaron un notable avance e, de feito, en determinados puntos do percorrido a senda está xa practicamente rematada.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez desprazáronse á zona para comprobar o estado dos traballos, nos que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste case un total de 737.000 euros.

Esta nova infraestrutura favorecerá a mobilidade nunha zona que conta con importantes dotacións públicas de interese sociocultural: o colexio Ferro Couselo, o pavillón municipal, o tanatorio, a igrexa parroquial de Santa Comba e o xacemento Igrexa Vella. Habilitarase un espazo seguro para os viandantes nun tramo da estrada PO-548 que soporta o paso de máis de 5.000 vehículos ao día.

A senda discorre entre os quilómetros 2,9 e 3,2 da PO-548 (dando continuidade á beirarrúa xa existente na marxe esquerda desta estrada) e continúa despois por unha vía municipal ata desembocar de novo na PO-548 á altura da intersección existente no punto quilométrico 3,9.

Dende aquí a nova infraestrutura avanza de novo por estradas de titularidade municipal chegando ao lugar onde se localizan as instalacións escolares e deportivas. Finalmente, tras pasar sobre a estrada autonómica mediante a instalación dunha nova pasarela elevada, chega á contorna da mencionada igrexa.

O proxecto inclúe unha serie de actuacións complementarias, como a ampliación do paso existente sobre o río Louro, a instalación da nova pasarela elevada para pasar sobre a vía PO-548 e a reordenación do tráfico na intersección existente no punto quilométrico 3,9 da estrada autonómica para mellorar a seguridade viaria e evitar que os condutores realicen manobras indebidas.

Tamén se creará unha pequena glorieta na vía municipal pola que discorre a senda. O rexedor destaca que esta actuación permitirá “habilitar un espazo seguro para viandantes” nun itinerario que dá servizo a lugares de interese sociocultural, como a igrexa e as instalacións educativas e deportivas, como o colexio Xesús Ferro Couselo ou o pavillón de Beiro. Este tramo soporta o paso de máis de 5.000 vehículos diarios.

11 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.