Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Avogan por equilibrar os fluxos turísticos e diversificar a oferta na Costa da Morte

Caión acollerá o martes, día 29, un encontro de todo o sector // O xeodestino aspira a ser reforzado coa certificación Starlight

Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), que preside Mónica Rodríguez, celebrou na casa da cultura de Vimianzo a última asemblea de socios do ano 2022, onde se deseñou a organización do II Encontro de Turismo da Costa da Morte, que terá lugar en Caión (A Laracha) o próximo martes, 29 de novembro.

Contará con representantes do concellos, do tecido empresarial turístico local, da Deputación da Coruña, de Turismo de Galicia e da Fundación Starlight. Tamén participará o catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Mira.

Un dos proxectos estrela da CMAT durante 2022 foi a candidatura presentada para ter a posibilidade de que o territorio da Costa da Morte opte á certificación como Destino Turístico Starlight. Nas próximas semanas coñecerase a resolución de concesión deste distintivo internacional de gran renome e importancia, que actualmente soamente teñen tres destinos en Galicia: Parque Nacional de Illas Atlánticas e os concellos de A Veiga e de Muras.

No caso de obtelo, a presidenta da CMAT considera que “será sen dúbida un gran trampolín para o posicionamento internacional de Costa da Morte”. Ademais, engade, “sería de gran impacto, xa que poucos destinos certificados contan coa extraordinaria dimensión do territorio”.

Respecto ao congreso, indicou que “é unha cita anual que queremos institucionalizar e que debe servir para intercambiar ideas e proxectos e para mostrar o potencial do sector turístico do xeodestino”, apuntou a presidenta da CMAT, quen anunciou que o obxectivo é celebrala cada ano nun concello diferente.

Xunta directiva e secretaría técnica fixeron balance das campañas e actividades impulsadas a través do convenio con Turismo de Galicia e as axudas de Deputación da Coruña. Na xuntanza avaliouse tamén a participación do destino en Fitur 2023 e a posibilidade de pór en marcha un proxecto destinado a mellorar a calidade e a competitividade dos servizos turísticos do territorio e continuar traballando na consolidación do destino no eido do astroturismo.

O convenio con Turismo de Galicia permitirá impulsar campañas promocionais temáticas para poñer en valor o patrimonio megalítico, os principais lugares de interese xeolóxico, o surf e as praias salvaxes e o turismo familiar. Durante os últimos meses, ademais de presentar os novos contidos nas redes sociais e na web da CMAT, un equipo de profesionais da fotografía e o audiovisual está a percorrer os lugares de maior interese relacionados con estas temáticas da Costa da Morte. Este material servirá para fortalecer a capacidade de promoción e información sobre o territorio, especialmente a través da canles online.

No 2023 Costa da Morte Asociación Turística seguirá traballando na imaxe e posicionamento dos valores da marca do destino, na diversificación da oferta e na súa mellora, na distribución equilibrada dos fluxos turísticos ao longo do territorio e na desestacionallización da demanda. A CMAT traballa neste último trimestre de 2022 na reedición, xunto cos concellos do xeodestino, do Mapa Turístico de Costa da Morte, que estará nas próximas semanas a disposición de viaxeiros locais e foráneos. A asociación tamén produce material de merchandising para empregar en eventos promocionais e feiras de turismo.

25 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.