Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
FAM TRIP. Dezaoito profesionais adican tres días a coñecer a conexión do turismo rural e as experiencias ao carón da ruta xacobea // Mantiveron tamén un encontro de traballo con responsables de establecementos da comarca TEXTO Manuel Lavandeira

Axentes de viaxes adéntranse no Camiño de Fisterra-Muxía

Dezaoito axentes de viaxes de Galicia e doutros puntos de España están a participar estes días nunha viaxe de familiarización (fam trip) no Camiño de Fisterra-Muxía para coñecer de primeira man a conexión do turismo rural e a ampla oferta de experiencias ao carón da ruta xacobea, coas que logo poderán elaborar atractivos paquetes turísticos para os seus clientes.

A iniciativa está enmarcada no convenio asinado pola Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur) coa Axencia de Turismo de Galicia, en colaboración coa Asociación de Turoperadores Receptivos de Galicia (Atrega) e a Asociación Galega de Axencias de Viaxes (Agavi). Dende o 23 de novembro e ata o 3 de decembro máis de cincuenta axentes de viaxes están a participar en viaxes de familiarización en catro das rutas xacobeas: Camiño do Inverno, Camiño do Norte, Vía da Prata e Camiño de Fisterra-Muxía.

Este programa de promoción do turismo rural galego, inserido no marco do Xacobeo 2021-22, combina un amplo abano de experiencias coa oferta de aloxamento e gastronomía que seguirán a ofertar os establecementos de turismo rural galegos en 2022, segundo sinalan dende Fegatur.

Os dezaoito participantes que están a visitar a Costa da Morte chegaron o pasado martes e logo de xantar na Casa do Peixe, en Muxía, realizaron un tramo do Camiño polo municipio muxián. Aloxáronse e cearon nos establecementos Casa de Trillo, Casa Castiñeira, Casa Cefereinos e Casa das Fiadeiras de Nemiña. Na xornada do mércores fixeron tamén unha visita a Serra de Outes para coñecer outras iniciativas de turismo activo e rural. Logo de xantar na Casa Perfeuto María percorreron o tramo final do Camiño a Fisterra.

NEMIÑA. Pola tarde participaron nun encontro de traballo entre establecementos de turismo rural e axencias de viaxes en Casa de Trillo, en Muxía, ao que se sumou tamén a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o alcalde muxián, Iago Toba. Rematarán a viaxe este xoves visitando a praia de Nemiña.

Nava Castro destacou a necesidade de promover este tipo de iniciativas público-privadas para “explorar novos públicos e territorios e favorecer sinerxias entre ambos os dous segmentos, turoperación e turismo rural, co Camiño de Santiago como elemento vertebrador”.

Con todas as experiencias programadas búscase crear paquetes turísticos que combinen turismo rural e gastronomía dunha maneira atractiva, definindo estratexias de comercialización ao tempo que se avanza na desestacionalización deste tipo de turismo e mellorase o coñecemento dos axentes de viaxe, segundo sinalou a directora de Turismo. Sinalou ademais que o obxectivo final é propiciar intercambios comerciais e de experiencias que teñen na singularidade do rural, nas paisaxes e no patrimonio os seus principios de actuación, buscando seguir adaptando o turismo rural galego ás necesidades dos novos viaxeiros poscovid.

REACTIVACIÓN. O Goberno galego continúa ofrecendo así “o seu apoio ao conxunto do sector turístico galego, e nomeadamente a segmentos como o turismo rural, a través da posta en marcha conxunta de iniciativas como esta, enmarcada no plan de choque posto en marcha pola Xunta para a recuperación e reactivación do turismo galego e que xa supuso un investimento de máis de cento vinte millóns de euros no sector”, engadiu Nava Castro.

02 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.