Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Baroña combate os lumes forestais cun gran pasteiro

Conta con case 31 hectáreas e supuxo un investimento próximo aos 145.000 €// Inclúese na primeira fase do plan de pastos

A Xunta de Galicia vén de executar un pasteiro de case 31 hectáreas nos montes veciñais en man común de Baroña, no concello coruñés de Porto do Son, para establecer unha área cortalume nunha zona afectada habitualmente polos incendios forestais.

Así, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, supervisou este luns os traballos levados a cabo no marco da primeira fase do Plan de pastos de Galicia, cun investimento próximo aos 145.000 euros. Durante a visita, Balseiros estivo acompañado do alcalde de Porto do Son, Luis Oujo Pouso.

Os referidos labores localizáronse nos lugares sonenses de Raña, Calvelle e Udres. En concreto, consistiron na implantación e recuperación dos pastos coa previa preparación do terreo, a súa fertilización e a sementeira de especies pratenses para o alimento do gando.

Posteriormente, segundo sinalaron dende o Goberno galego, colocáronse e melloráronse os cercados perimetrais, establecéronse pasos canadenses e dotouse á comunidade de montes dunha manga de manexo.

“Con estes traballos damos continuidade aos peches que se foron facendo para conseguir cerrar terreos máis amplos e circundantes con pistas, para evitar ter no monte un sinfín de peches sen sentido aparente e que dificultan un adecuado manexo dos animais”, afirmou o presidente do colectivo, Ovidio Queiruga.

Cabe apuntar que na primeira fase do Plan de pastos se executaron 14 pasteiros en montes veciñais galegos que superaban en total as 500 hectáreas. A Xunta avanzou que na segunda fase está previsto duplicar as cifras, actuando nunha trintena de pasteiros que suman preto dun milleiro de hectáreas.

No caso da provincia da Coruña, executaranse 75 hectáreas de pasteiros por preto de 200.000 euros. En concreto, actuarase nos concellos da Pobra do Caramiñal e Muros para aumentar a base territorial das explotacións ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais.

Cómpre engadir que o Plan de pastos de Galicia recolle ata catro fases coas que está previsto traballar nunhas 2.250 hectáreas da nosa comunidade, cun investimento total duns 9,5 millóns de euros. Neste 2022, o Executivo autonómico destina 4,8 millóns de euros ao dito Plan, o que supón un aumento dun 58 por cento con respecto ao consignado o ano pasado.

18 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.