Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Bertamiráns: renovación total con ata catro obras que se farán á vez

Vaise cambiar o alumeado e crearase unha améndoa central // Realizarase un carreiro escolar e asemade repararase o pavimento na avenida da Peregrina

Durante os vindeiros meses vanse executar catro importantes proxectos na localidade de Bertamiráns. Co obxectivo de coordinar os distintos traballos que se van realizar na urbe, realizouse unha xuntanza no salón de plenos da casa do concello, na que participaron o alcalde de Ames, Blas García, as concelleiras Genma Otero e Susana Señorís, o concelleiro Víctor Fernández, persoal das empresas adxudicatarias, directores/as de obras e tamén técnicos municipais.

Tres deste proxectos enmárcanse na EDUSI Impulsa Ames (creación da améndoa central, carreiro escolar e instalación dun novo sistema de alumeado LED). O cuarto proxecto atinxe á mellora do pavimento da avenida da Peregrina, que se enmarca no convenio de cesión deste viario por parte da Xunta de Galicia. O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “estas obras van afectar ao tráfico e aos veciños, polo que xa empezamos pedindo comprensión, porque van a ser semanas, e nalgúns casos meses nos que van a xerar trastornos. Estamos xa empezando a negociar bolsas novas de aparcamento, así como buscando unha coordinación efectiva, e imos a ir avisando con tempo aos veciños e veciñas para que fagan previsión con tempo suficiente”.

A primeira actuación en executarse é a instalación dun novo sistema de alumeado LED. Foi adxudicada á empresa Ferrovial Construcciones SA por un importe de 437.511,85 euros (IVE incluído). A empresa adxudicataria comezou esta semana os traballos para a substitución das luminarias. A actuación está dividida en dúas fases: na primeira cambiaranse 651 puntos de luz e reducirase en 102,21 kW a potencia instalada, mentres que na segunda fase substituiranse 289 puntos de luz e reducirase a potencia instalada en 52,68 kW. En total, cambiaranse 940 luminarias convencionais por outras con tecnoloxía LED, de potencia inferior pero que achegarán un fluxo luminoso similar. Ademais, levarase a cabo a substitución de 16 centros de mando por outros novos e reformaranse dous centros de mando para adaptalos ao regulamento establecido. Por último, haberá que reforzar a rede de terra e instalarase un sistema de telexestión en cada centro de mando para poder realizar o control do alumamento de xeito personalizado.

A senda escolar prevista para o acceso ao CEIP da Maía e ao IES de Ames, en Bertamiráns, realizarase creando unha senda peonil na beirarrúa existente modificada na avenida da Peregrina, partindo do cruzamento coa avenida principal da Maía coa propia avenida da Peregrina. Nese inicio da rúa é onde se prevé o inicio da senda peonil con pavimento diferencial da beirarrúa existente que se implementará na actual sección da avenida da Peregrina modificando anchos de plataforma e adaptándoa ás necesidades expostas e coordinándoo con outros proxectos en marcha como son o da améndoa central e o da renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns.

Un dos proxectos máis importantes que se vai a executar é a creación dunha améndoa central no núcleo urbano, que será un espazo público de calidade no que se lle dará prioridade ás persoas, pero sen prohibir o tráfico rodado de vehículos. Nestes intres este proxecto, que conta cun orzamento base de contratación de 1.347.000 euros, está en fase de licitación.

Por último, executarase o acondicionamento do pavimento na avenida da Peregrina, dende a intersección da avenida da Maía ata a rúa do Bosque (punto quilométrico 0+610), que teñen un orzamento estimado que ascende a 81.973 euros (IVE incluído). A través destas obras preténdese mellorar o pavimento na calzada, nas beiravías e nas zonas de estacionamento de dita estrada. Este proxecto enmárcase no convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello de Ames para que o tramo urbano da AC-544, que discorre pola avenida da Peregrina (entre a rotonda da avenida da Maía e a da AG-56) pase a ser de titularidade municipal. Repararase o pavimento, porase sinalización horizontal e tamén se recolle no proxecto a posta a cota de sumidoiros, arquetas e pozos na zona.

05 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.