Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Conclúen dous anos e medio de rehabilitación, artellada por tres alcaldes e na que se investiu un millón de euros // O inmoble acolleu a presentación do número 6 da revista ‘Follas Novas’ // Este martes celébrase alí a Romaría das Letras do Barbanza TEXTO Suso Souto

Boiro abre o Pazo de Goiáns, que reloce tras dúas décadas na ruína

A deste luns foi unha xornada histórica para Boiro. Doce anos despois de pasar a ser patrimonio público e tras ser sometido a unha profunda rehabilitación que durou dous anos e medio, o Pazo de Goiáns abriu por fin as súas portas. As pedras deste inmoble (construído polos Fandiño Gayoso a mediados do século XVI, posiblemente sobre unha torre defensiva anterior destruída nas Revoltas Irmandiñas do XV) relocen de novo tras ser rescatadas do esquecemento e da ruína.

En 1999, Joaquín Otero Goyanes, o Marqués de Revilla, puxo en venda o histórico pazo, de 80 m2 de superficie construída, que mercara en 1969 e que pasara polas mans de varias familias: Soutomaior, Caamaño, Mariño, Varela, Ulloa, Mendoza, Castro e Parga... Un pazo no que chegaron a traballar 22 criados en 1723.

Co cartel de “Véndese” na porta, a edificación caería no esquecemento ata a súa adquisición en 2002 polo grupo Cecosa Hipermercados. Os boirenses empezaron a interesarse polo futuro do pazo en 2007, cando o entón alcalde Jesús Alonso (PP) asinou un convenio coa devandita empresa (que non chegou a materializarse) no que se falaba de chalés e dun centro comercial. Tras unha década de volantazos e incerteza, en 2010 o Concello acabou mercando a propiedade (que se sitúa nunha finca de 120.000 m2 na desembocadura do río Coroño), baixo o mandato de Xosé Deira (BNG). Unha finca, por certo, que atesoura exemplares de gran antigüidade e de especies moi singulares, como unha camelia sasanqua e unha sobreira (de 20 metros), ambos de case dous séculos, e na que chegaron a cultivarse espárragos, melóns e garavanzos.

En 2017, o seu sucesor, Juan José Dieste (PP) conseguiu o financiamento para rehabilitalo, grazas a un préstamo sen intereses da Xunta por un millón de euros. E foi o actual mandatario, José Ramón Romero (PSOE) quen se puxo mans á obra en 2019, xusto o ano no que se acenderon as alarmas polo abandono do inmoble coa súa inclusión na Lista Vermella de Hispania Nostra.

No acto de apertura deste luns, Romero dixo que o pazo “forma parte da memoria de moitos veciños”, que “foi restaurado con mimo” e que “volverá albergar historias”. “Queda aínda moito por facer”, engadiu. E é que, á espera de decidir o uso cultural que se lle vai dar, o Concello busca xa financiamento para restaurar tamén as construcións anexas (a capela, os lagares, a vivenda do persoal de servizo ou un pombal con 198 nichos). Ó acto asistiron o deputado provincial Xurxo Couto; os exalcaldes Manuel Velo, Deira e Dieste; e numerosos veciños e veciñas.

Tras este acto institucional tivo lugar a presentación do número seis da revista de estudos rosalianos Follas Novas, na que participaron o seu director, Xosé Luís Axeitos; o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; e o alcalde de Boiro. Este número aborda a recuperación da pía bautismal de Santa María de Dodro, onde foran bautizados Gala e Ovidio, ou a importancia da figura da nai de Rosalía e o papel de Alejandra Murguía. Tamén se inclúen artigos sobre o epistolario de Murguía e artigos sobre Xoán Manuel Pintos e Curros Enríquez.

O pazo acollerá este martes dende as 11.00 un mercado de artesanía, libreiros e palilleiras no marco da Romaría das Lestras que se celebrará nos seus xardíns. Ás 14.00 será o xantar popular con polbeira e gaiteiros. Ás 16.15 comezarán as presentacións literarias de Barbantia. Ás 17.30 actuarán Esperanza Mara e os grupos Abeloura, Xilbarbeira e Pedra da Aroña, e ás 18.00 será a representación de Airiños no pazo. Ás 19.00 actuarán Os da Porfía.

16 may 2022 / 20:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.