Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ACTOS. O Teatro Elma acollerá este venres un videoforum con tres curtas // O Concello boirense centra a súa programación en visibilizar as agresións machistas no eido do lecer TEXTO S. Souto

Boiro e A Pobra celebran nas aulas e na rúa o 25-N

A concellería de Igualdade da Pobra deseñou unha ampla axenda dirixida a toda a poboación co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Este venres 25, o Teatro Elma acollerá ás 19.00 horas un videoforum coa proxección das curtametraxes El orden de las cosas, Libre directo e As mulleres falan, cun posterior debate moderado pola xornalista Marga Pazos. O acto será introducido pola lectura dun manifesto.

O sábado 26 habilitarase na Praza do Emigrante, en horario de mañá, o stand Agresión Off: eu digo non á violencia de xénero. Esta iniciativa ten como obxectivo a loita contra as violencias exercidas nas mulleres a través de obradoiros de sensibilización e actividades lúdicas.

Así mesmo, continúase esta semana coas accións orientadas aos centros educativos do municipio, consistentes en sesións de contacontos con Troskita nos colexios de Infantil e Primaria para que o estudantado adquira estratexias para a resolución pacífica dos conflitos.

Tamén destinado a Primaria, concretamente aos cursos de 5° e 6°, artéllase un obradoiro creativo artístico-dixital contra a violencia, a desenvolver na Casa da Mocidade. Consta da fabricación en 3D dun chaveiro con motivo do 25-N que se complementa con xogos interactivos para a sensibilización sobre a prevención da violencia de xénero.

Dirixida a idades máis avanzadas, Esther Buela, protagonista do libro Calladita no eres más bonita, relatará no IES da Pobra o xoves día 1 a súa experiencia vital como vítima de violencia machista. O texto plasma a historia de varias mulleres novas que sufriron esta eiva social.

A maiores, alumnado do instituto asiste nestas semanas ao coloquio Violencia de xénero e o novo contexto dixital, impulsado pola Secretaría Xeral de Igualdade.

Pola súa banda, o Concello de Boiro conmemora o 25-N co obxectivo de promover a seguridade no ámbito do lecer. A programación céntrase en dar visibilidade ás agresións machistas neste eido e elaborar un protocolo de actuación contando cos sectores e ámbitos involucrados.

Este venres 25 comezará cunha concentración ás 12.00 horas na Praza de Galicia, onde se gardará un minuto de silencio en memoria das vítimas e se lerá un manifesto colectivo de repulsa ás agresións machistas, facendo especial fincapé nas acontecidas no ámbito do lecer, no que van participar a mocidade, representantes da hostalería local, do tecido asociativo e profesionais sociais, educativos, sanitarios e das forzas e corpos de seguridade.

Logo terá lugar unha mesa de traballo participativa para a diagnose das violencias machistas no ámbito do lecer, para deseñar un protocolo que, de forma colectiva, sirva como folla de ruta para saber como actuar se sufrimos ou somos testemuñas dunha agresión de xénero.

25 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.