Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
MOSTRA. Expoñen os debuxos feitos por alumnos de nove centros nun obradoiro // Rodrigo Chao ensinoulles técnicas de bosquexo, composición ou perspectiva

Boiro fomenta entre os cativos a arte de ilustrar

Pais e mestres saben ben que os cativos non lle dedican o mesmo tempo que empregaron eles na infancia a debuxar, a xogar, a correr, a ler... Demasiado tempo ante as pantallas: a televisión, o ordenador, os móbiles... Pero o talento, a creatividade, o exercicio físico, a imaxinación e o compañeirismo nútrense mellor conxugando eses verbos. Por iso, o Concello de Boiro vén de levar a cabo unha iniciativa na que se implicaron nove colexios de Educación Primaria e Secundaria do municipio: un obradoiro de ilustración.

Dende o pasado 22 de febreiro e en sesións de dúas horas, os escolares deron renda solta á imaxinación e, inspirándose nunha lectura previa, aprenderon as técnicas básicas da arte do debuxo da man do ilustrador profesional Rodrigo Chao.

O obxectivo deste obradoiro era dar a coñecer ao alumnado o proceso creativo na elaboración dunha ilustración e incentivar o interese na lectura e a asistencia ás bibliotecas. Os nenos e nenas puideron aprender a importancia do bosquexo, a composición, o volume, a perspectiva, os acabados...

Agora, os seus traballos forman parte dunha exposición itinerante que iniciou a súa andaina na casa da cultura, onde permanecerá dúas semanas, para percorrer logo todos os centros educativos de Boiro.

Rodrigo Chao amósase moi satisfeito do resultado desta actividade, pero tamén “da actitude do alumnado”. “Por suposto, hai quen ten máis man para debuxar, e nótase quen está máis acostumado ou acostumada a facelo, pero todos e todas participaron con moita ilusión e interese”, explica o artista e docente.

delegribeira@elcorreogallego.es

06 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.