Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Boiro implantou nos colexios un plan de saúde bucodental

Inclúe revisións, actividades
e charlas para frear as caries e mellorar hábitos alimenticios

O Concello de Boiro puxo en marcha nos centros de ensino do municipio o proxecto En(clave), un plan integral en materia de educación, igualdade e saúde. Unha das actividades que engloba este programa é a de hixiene bucodental, denominada Sorrisos intelixentes, que ten como obxectivo concienciar ós nenos e nenas boirenses sobre a necesidade dunha hixiene bucodental correcta.

A concelleira de Educación, María Outeiral, visitou ao alumnado do CEIP Abanqueiro durante o desenvolvemento do programa.

Neste centro participan un total de dezaoito escolares de segundo de Primaria e dezasete de sexto de Primaria.

Con esta actividade, que se desenvolve en varias fases durante o curso, búscase detectar as carencias existentes entre o alumnado. A primeira das fases é a de recollida de información entre o alumnado a través dunha exploración na que se obtén o diagnóstico de cada un para coñecer a situación e poder iniciar a prevención. Na segunda fase ofréceselle aos nenos e nenas unhas pautas prácticas para cepillarse os dentes de xeito correcto e realízase tamén unha fluorización.

A terceira fase realizarase aos seis meses da revisión inicial, cando se fará unha valoración para observar a evolución e o nivel de saúde bucodental, e levarase a cabo un diagnóstico de posibles patoloxías que poidan posuír.

“Con esta iniciativa o que buscamos é traballar co alumnado e as familias en accións relacionadas coa promoción e concienciación de hábitos saudables”, afirmou a concelleira boirense de Educación, María Outeiral.

En(clave) nace da necesidade de dar resposta á demanda dos centros educativos de traballar sobre accións relacionadas coa igualdade de xénero, a saúde mental ou a convivencia para impulsar un cambio de roles e estereotipos. Este proxecto engloba tres grandes áreas de traballo: a igualdade e sensibilización social; a educación e prevención e a saúde e benestar.

Dende o CEIP de Abanqueiro valoraron moi positivamente esta iniciativa.

Os escolares asisten inicialmente a unha charla dunha odontóloga que lles fala da importancia de evitar a caries tamén dende o punto de vista da alimentación saudable.

Os informes da saúde bucodental de cada escolar sonlle remitidos ós pais e nais de xeito confidencial.

Asimesmo, o programa inclúe a instalación duns paneis didácticos nos centros.

27 ene 2022 / 18:48
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.