Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Boiro ponlle música ó Nadal con animación na rúa e tres festivais

A entrada ós actos da Carpa Solidaria pagarase con alimentos // The Cuncas actuará o día 29

O departamento de Cultura do Concello de Boiro organizou unha ampla e variada programación pensada para os máis pequenos durante o Nadal, e colabora coa Asociación Boirense de Empresarios para levar a cabo accións conxuntas de cultura e comercio para fomentar as compras locais nestas datas.

A concelleira de Cultura, María Outeiral, e o presidente da patronal, Daniel García, presentaron as actividades que se van desenvolver na vila nas vindeiras semanas.

Como os últimos anos, o Concello instalará unha carpa para as actividades, que este ano estará situada na Praza de A Boqueira de A Negral e que se denominará Carpa Solidaria, xa que para entrar será preciso facer unha aportación de alimentos perecedoiros que serán doados.

A programación especial deseñada para o público infantil durante as vacacións de Nadal inclúe contacontos, teatro, espectáculos de rúa, animacións e xogos, concertos e festivais da man de diversas asociacións.

Outeiral anunciou tamén a celebración dun campamento de conciliación de Nadal, para o que están as inscricións abertas, e que se organiza para nenos e nenas de idades comprendidas entre os tres e os doce anos co obxectivo de facilitar ás familias un recurso de conciliación ofrecendo unha alternativa lúdica, formativa e integradora.

Este ano programáronse tres festivais de Nadal, que se celebrarán na casa da cultura do parque da Cachada. Haberá un o venres 17 a cargo da Escola de Música, outro o sábado 18 da man da asociación Xilbarbeira, e un terceiro o domingo 19 organizado pola Asociación de Amas de Casa.

No referente aos espectáculos de rúa, o xoves 23 chegará O apalpador e o mércores 29, ás 19.00 horas, os asistentes desfrutarán da función A raíña da neve, con Nacoes.

A programación contempla tamén para o domingo 26 de decembro ás 19.00 horas o espectáculo titulado Ganbdaina, de N+1. Ó día seguinte, luns 27, será o turno, ás 17.00 e ás 19.00 horas, de Contos de Nadal, con Raquel Quizás.

ESPECTÁCULOS INFANTÍS. Na xornada do martes 28 ás sete da tarde Nacoes presentará Canta, baila, xoga.

E o mércores 29 o grupo local The Cuncas ofrecerá un concerto na Carpa Solidaria a partir das 21.00 h. Tamén haberá un concerto solidario o xoves 30 á mesma hora. En canto ós xogos, os días 27, 28, 29 e 30 haberá Escape Room.

CAMPAÑA DA PATRONAL. Pola súa banda, a patronal boirense repartirá 3.000 euros en premios, unha cantidade que se incrementa un 33 % respecto do ano anterior.

O sistema que se vai empregar é o mesmo que na campaña de verán, mediante un rexistro de tíckets, e faranse catro sorteos semanais de 500 euros (cinco premios de 100 euros) e na última semana da campaña un sorteo de 1.000 euros para un único ganador. Nesta ocasión van participar 190 empresas asociadas e os tíckets de compra serán válidos para rexistrar dende o catro de decembro ata o nove de xaneiro.

04 dic 2021 / 16:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.