Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
José Miñones lembrou a subvención de 2,5 millóns de euros da Estratexia de Mobilidade Peonil Sostible e Segura // Haberá na vila conexión a Internet de alta velocidade en 366 vivendas e empresas co programa ÚNICO TEXTO C. Estévez

Boqueixón, preparado para a súa transición verde e dixital

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, desprazouse este venres ata o concello de Boqueixón xunto coa subdelegada na provincia da Coruña, María Rivas, co obxectivo de manter unha reunión co alcalde da vila, Manuel Fernández, para abordar os investimentos do Estado no municipio e coñecer as súas principais demandas.

Durante o encontro, José Miñones destacou a achega de 2,54 millóns que o Goberno destina ao Concello de Boqueixón para que desenvolva a súa Estratexia de Mobilidade Peonil Sostible e Segura, coa que creará 17 quilómetros de sendas peonís na vila. Este proxecto mobilizará un total de 2.989.000 euros, dos que o Estado financia o 85 %. En concreto, a través dunha axuda concedida dentro do Programa DUS5000, xestionado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica. Boqueixón é un dos primeiros concellos de Galicia en beneficiarse deste programa.

Xa se resolveron 21 subvencións por un importe de 9.929.138 € na Comunidade. Na provincia da Coruña hai concellos beneficiarios (Boqueixón, Lousame, Ares, Sobrado e Curtis) por importe de 4,3 millóns.

Xunto coa transición ecolóxica, o delegado avanzou a presenza de Boqueixón nas dúas convocatorias de dixitalización do territorio que impulsa o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital dentro do Plan de Recuperación, Transición e Resiliencia. “Estamos convencidos de que a supervivencia do rural pasa pola dixitalización, pola universalidade de acceso a Internet, e que este acceso sexa en condicións óptimas de tecnoloxía e de velocidade”, insistiu Miñones.

A vila boqueixonesa está incluída nos proxectos de dotación de Internet de alta velocidade que financia o Goberno e que se vehiculan a través do Programa ÚNICO Banda Ancha, con dúas convocatorias xa resoltas: a de 2021, que xa está en execución, e a deste ano, que se adxudicou este mes de forma provisional.

O Ministerio financia con este programa ata o 90 % dos custos nos que incorren as empresas tecnolóxicas para levar a conexión de alta velocidade (superior a 300 mb) a zonas sen cobertura. Entre as dúas convocatorias do Plan ÚNICO, o Goberno inviste na Coruña 14,4 millóns de euros para levar a tecnoloxía de conexión de alta velocidade a máis de 36.556 vivendas e empresas da provincia. No caso de Boqueixón, o Programa ÚNICO posibilitará a conexión de alta velocidade de 163 puntos nos que se localizan 366 vivendas e empresas. “Estamos a falar de garantir a conectividade de máis de 300 megas á práctica totalidade do territorio deste municipio, en 163 zonas que hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura”, apuntou o delegado do Goberno.

Asemade, Miñones abordou co alcalde o Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos (PIREP) de entidades locais que xestiona o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. A vila terá a súa oportunidade na Liña 2 deste plan (por resolver), na que solicitou unha axuda para rehabilitar o consistorio. Manuel Fernández agradeceu a visita do delegado: “queremos darlle as grazas sobre todo polas novas que nos trae en canto a investimentos que temos solicitado”. Pediu celeridade na tramitación de dous proxectos na N-525.

O PROTAGONISTA
“Somos un goberno municipalista”
José Miñones
Delegado do Goberno en Galicia

“Estamos a percorrer Galicia, todos os concellos galegos nun compromiso que temos co municipalismo. Sempre digo que somos un goberno municipalista”, sinalou José Miñones. “Un concello sempre pode trasladar as demandas que hai, e hoxe vimos a escoitalas. Creo que isto é moi importante cando un fala de reto demográfico e fala de axudar ao rural”, apuntou. “É importante pór encima da mesa como facelo e como vivir non só no rural, senón do rural”, dixo. Este programa está dirixido precisamente aos concellos do reto demográfico, “é dicir, aos municipios pequenos, e non só aos de menos de 5.000, senón tamén a concellos de ata 20.000 habitantes pero que teñen un núcleo urbano de menos de 5.000. Polo tanto, estas axudas partían de 7.000.000 de euros, pero en tan só un mes tivemos que ampliar a contía ao total, os 355 millóns”, engadiu.

{ A OLLADA }
Reactivar
o rural
Claudina Estévez

Sempre son boas novas que se demostre preocupación polo rural. O feito de que dende a Delegación do Goberno se preocupen, entre outras cousas, de levar Internet de alta velocidade ata as vivendas e empresas dos concellos galegos é todo un alivio. Un alivio porque hoxe en día Internet é básico para a gran maioría de traballos, e a mala conexión é un dos motivos polos que a xente máis nova ou as empresas adoitan fuxir do rural e se asentan nas cidades. Acabar con este tipo de diferenzas entre rural e cidade é básico para evitar a despoboación e para incentivar a economía nos pobos. Tamén é importante que se estea a fomentar, como en Boqueixón, a mobilidade peonil sostible e segura a través da creación de sendas.

29 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.