Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 03 julio 2022
02:23
h
Arte. Poden verse ata o 30 de xuño no Forno do Forte // É a primeira exposición retrospectiva do creador brionés // Con ela comeza unha nova etapa no museo oleiro TEXTO M. Lavandeira

Buño acolle a pintura, os debuxos e a cerámica do polifacético Xosé Vizoso

O Ecomuseo Forno do Forte, de Buño (Malpica), acolle a primeira mostra retrospectiva sobre a traxectoria de Xosé Vizoso distribuída en tres salas. A primeira acolle seis pinturas de gran formato da serie sobre os entroidos; na segunda sitúanse vinte debuxos sobre a olaría de Galiza e unha selección de libros que son unha pequena mostra das 300 portadas e ilustracións que Vizoso fixo para Edicións do Castro; mentres que na terceira se expoñen varias pezas de cerámica representativas da súa carreira en Sargadelos. Tamén se inclúen imaxes do Mural do Furriolo e material audiovisual de diversas facetas do seu traballo creativo.

Convén lembrar que Xosé Vizoso ten unha longa traxectoria como ilustrador, deseñador, ceramista, escultor, escenógrafo, cartelista, muralista, pintor e caricaturista, sempre a carón de Isaac Díaz Pardo, no departamento de deseño de Sargadelos. No acto inaugural amosou o seu agradecemento por esta mostra, e fixo un somero percorrido pola súa traxectoria en Sargadelos, lembrando os inicios da súa carreira xunto con Isaac Díaz Pardo e tamén a súa relación coa olaría e coa cerámica de Buño.

A mostra, que poderá visitarse ata o vindeiro 30 de xuño, ademais de ser a primeira retrospectiva que se lle dedica a Xosé Vizoso, é tamén a primeira das actividades que acolle o Forno do Forte desde a recente remodelación para adaptar tres salas a actividades temporais.

A este respecto, o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Lois Penas, asegurou que “este vai ser un museo aberto, inclusivo, vivo e cheo de contidos, un museo para a veciñanza de Buño, de Malpica e da comarca”. Neste sentido lembrou que “xa hai máis dun ano que falamos de poñer en marcha os novos espazos do Forno do Forte para convertelo no gran museo da olaría de Buño e de todo o país, priorizando a olaría e a comarca pero coa idea de dar cabida tamén a outras propostas artísticas”.

O representante da Deputación da Coruña tamén quixo poñer en valor que esta nova xeira de actividades expositivas se inaugura da man “dun artista universal e imprescindible para entender a cultura galega, como é Xosé Vizoso”.

Pola súa banda, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, sinalou que “é unha ledicia acoller aquí esta obra, un privilexio contar coa presenza do autor, que non só é un gran artista senón que ademais é un grande da cultura do país”.

No acto inaugural tamén participaron os alcaldes de Laxe, José Luis Pérez, e o de Brión, Pablo Lago, concello este no que reside e no que ten o seu estudo Xosé Vizoso; así como o músico Moisés Quintas e o comisario da mostra Aser Álvarez, de Arrianos Producións, quen explicou como naceu a súa relación de amizade con Xosé Vizoso e como adaptou o deseño da mostra ás singularidades da espazo do Forno do Forte.

O Ecomuseo é un dos conxuntos etnográficos máis emblemáticos de Bergantiños, que foi rehabilitado para usos museísticos no ano 1999 pola Deputación da Coruña co fin de divulgar a tecnoloxía e o modo tradicional de vida dos oleiros de Buño.

24 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.