Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Popular. Mar de Cabo celebrou a súa primeira edición con máis de douscentos participantes // Está promovida pola Asociación Cultural e de Tradicións Mariñeiras Gamela, desta vila de Boiro // Foron dez quilómetros de percorrido polos lugares singulares que integran o seu patrimonio cultural TEXTO Lucía López

Cabo de Cruz dá a coñecer o mellor da súa contorna cunha atractiva andaina

Xa na antiga Grecia dicía o filósofo Aristóteles que “a natureza non fai nada incompleto nin nada en balde” e por iso o arquitecto estadounidense Frank Lloyd Wright, un dos grandes referentes da volta ás raíces no século XX, sempre sostiña que os seres humanos estamos obrigados a “estudar a natureza, amar a natureza, achegarse á natureza. Nunca fallarache”. Coñecer a nosa contorna máis próxima é o primeiro paso para gozar deses praceres que nos concede a vida.

Nalgunha desas páxinas que se refiren a este enclave do Barbanza sinálase que Cabo de Cruz “é unha pequena vila mariñeira que garda gran parte da historia de Boiro”, e demóstranos que sempre mirou cara ao mar e pon como exemplo o Castro do Achadizo, que traslada a vida deste enclave mariñeiro ata a Idade de Hierro. Cantos dos nosos lectores coñecen os lugares singulares desta pequena península rodeada de auga e tradicións por todas partes?

Sobre isto e o anterior poden falar, e de feito falan, os membros da Asociación Cultural e de Tradicións Mariñeiras Gamela de Cabo de Cruz, que esta fin de semana pasada deron un paso adiante promovendo e organizando unha andaina poular co obxectivo de que, explica Eva Triñanes unha das organizadoras, “queriamos poñer en valor toda a contorna da costa de Cabo de Cruz e ao mesmo tempo facer comunidade: que as familias puideran vir, que a xente do pobo pasase un día camiñando, facendo deporte”.

Esta andaina enmarcase dentro das actividades culturais da Asociación, lembran desde Gamela, “e trataba de mostrar o noso patrimonio natural e marítimo, pasando por sitios de interés paisaxístico, histórico e mesmo por lugares emblemáticos onde as lendas do pasado cobran actualidade ca intención de trasmitirllas as novas xeracións”, subliñaban.

“A Andaina saiú da escultura de pedra da Gamela de Cabo de Cruz, (tipoloxía única desta parroquia e catalogada como Ben de Interese cultural). Percorreu o litoral, pasando pola punta do Cabo, Banda o río, Piñeirón, praia e Lagoa de Carragueiros, para adentrarse na parroquia de Abanqueiro, xa na praia da Ladeira, e darlle a volta a punta do Chazo para voltar a parroquia do Castro (Cabo da Cruz), pasar pola Fontedemouro e pola súa mítica fonte, que dá nome a esta aldea, para seguir ata a igrexa parroquial, pasar polo núcleo de Cariño, e polas súas históricas fontes, para ir o lugar de Careixo, esteiro e o seu fermoso con (Conle do Esteiro) e voltamos o lugar de saída pasando polo club Nautico Boiro e o pobo de Cabo da Cruz”, lembran os organizadores desta iniciativa, que nace cunha meridiana vontade de perdurar no tempo.

A convocatória foi todo un éxito, participando 210 persoas que quedaron moi satisfeitas da actividade. “Moita xente nos dixo que había algúns camiños que non coñecían”, lembra Eva Triñanes disposta, cos seus compañeiros, a enarbolar o facho. Para que veciños e visitantes “coñezan máis a contorna, porque así poderemos facer máis presión para que se manteñan e recuperen eses espazos que temos e están un pouco abandonados”. Que no fondo é outro dos grandes obxectivos desta primeira edición da anadaina Mar de Cabo que, como dicíamos, chegou para quedarse coa forza que dan esas máis de duascentas persoas que acudiron á chamada dunha sociación que vale a pena, primeiro loitando para a recuperación das tradicións mariñeiras e agora polo patrimonio natural de Cabo de Cruz.

23 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.