Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Caión homenaxea á balea coa exposición ‘Leviatán’ do artista Ramón Trigo

Poderá verse do 8 de novembro ao 20 de decembro no centro sociocultural // A vila rememorará así o seu pasado baleeiro

O centro sociocomunitario de Caión (A Laracha) acollerá a partir do 8 de novembro a exposición Leviatán, que, a través de ilustracións, esculturas, bosquexos, tintas, debuxos de gran formato e lenzos, retrata a sobrecolledora e, á vez, imperceptible presenza de la balea no noso mar.

Leviatán é un proxecto de longo percorrido que comezou o artista plástico Ramón Trigo en 2010 coa realización do libro ilustrado do mesmo nome, gañador do Premio Nacional Lazarillo do Álbum Ilustrado 2012 e editado posteriormente pola Editorial Kalandraka.

Ao libro seguíronlle unha serie de esculturas presentadas nunha exposición na Galería Dua2, en Vigo, en 2014, á que se foron sumando distintas obras ata completar a actual exposición.

O artista, Ramón Trigo, afirma que “sería moi difícil atopar un lugar máis axeitado para mostrar este proxecto que Caión; un lugar cunha antiquísima tradición baleeira, o que o converte no marco perfecto para acoller esta mostra”. Ademais, o centro que a acollerá presenta unha singularidade construtiva polas súas formas curvas que simulan o lombo das baleas, xa que a propia edificación pretende reflictir esta parte da historia de Caión na que a vila mariñeira contou cun importante porto baleeiro.

A exposición será inaugurada o vindeiro luns, día 8, e permanecerá aberta ao público ata o 20 de decembro.

PASAPORTE REMA. Por outra banda, a Rede Rema, da que forman parte 27 espazos museísticos, entre eles o Centro Sociocultural de Caión, vén de impulsar o pasaporte REMA, un proxecto financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP) que ten como obxectivo desenvolver unha actividade turística creativa e adaptada a unha nova realidade. Para iso, puxeron en marcha unha serie de actividades informativas, formativas e culturais que se apoian nas novas tecnoloxías como canle de aprendizaxe, entretemento, formación e promoción da oferta cultural dos espazos que integran a rede.

Un deses novos contidos é a guía da Rede Rema. As persoas que visiten os distintos museos que a conforman poderán ir acumulando selos Remiña e, unha vez que alcancen un número determinado de estampacións, participarán no sorteo de cestas mariñeiras.

Ademais, o proxecto inclúe a celebración de tres seminarios técnicos dirixidos a sacar o máximo potencial ao traballo conxunto entre espazos con contido museístico.

02 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.