Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Calcetan un Belén de 120 figuras co ADN de Rianxo

Castelao, a capela da Guadalupe, o hórreo de Araño ou os pais da ‘Rianxeira’ están a carón do pesebre // Inaugurarase este mércores

A asociación cultural Ondiñas Mainas de Rianxo vai inaugurar este mércores na Praza de Padrón un curioso Belén artesanal formado por cento vinte figuras calcetadas a man que representan aos máis ilustres e populares persoeiros e lugares emblemáticos da vila. Unha instalación navideña con ADN rianxeiro, repleta de símbolos da cultura e das tradicións locais.

Poderá verse ata o sete de xaneiro a calquera hora do día e da noite a través dun cristal, pois estará colocado nun local que dá a dita praza.

Neste Belén, os Reis Magos chegan por mar a bordo da emblemática xeiteira A Manuela; o Rei Herodes é Paio Gómez Chariño, que non custodia unha torre, senón o Pazo do Martelo; Lela, o personaxe de Castelao, porta unha maleta porque marcha para Arxentina; o río é, como non podía ser doutra maneira, o Té; e pola ría asómase un polbo. Porque neste nacemento hai mariscadoras e pescadores e o neno Xesús non é adorado nun pesebre, senón nunha gran nasa e, o berce é unha patela chea de peixe.

Entre as figuras de coñecidos veciños están as de Carioca (o barbeiro que no seu tempo libre facía a man as placas artesanais para as numeracións das fachadas das casas); Teresa, a irmá de Castelao (delgada, alta e enloitada, a carón da súa irmá Xosefina); Ramón o de Arousa (un pobre que andaba a pedir polas portas); Viturro, o cacique (arrimado á casa natal de Castelao); Máximo, o practicante; ou Xosé María Vicente, o home que atopou o casco de ouro de Leiro (que data da Idade do Bronce).

No tocante ás edificacións e elementos patrimoniais, adornan este Belén a ponte do Pazo; o Castro Barbudo; o Arco da Menora (unha edificación con arco que había na rúa de Abaixo e que se derrubou nos anos setenta para deixar pasar os coches); os estaleiros; o bingo (como bautizaron popularmente os rianxeiros ás casetas dos mariñeiros, porque teñen encima uns números xigantes); a taberna do Paxaro Pinto...

Na elaboración das figuras participaron case unha vintena de artesás do colectivo Ondiñas Mainas e artistas locais como Fran Farrapos (que fixo o Cruceiro da Praciña, a capela da Virxe da Guadalupe, a casa consistorial e o hórreo de Araño) ou como Electra Menéndez (que fixo os tradicionais xigantes que antigamente saían na procesión).

No referente aos persoeiros ilustres destacan o poeta Manuel Antonio, na súa casa de Asados; o cura Faustino Rey Romero, ó pé dun cruceiro; ou Arcos Moldes, tomando unhas cuncas en torno a unha pipa de viño con outros ilustres literatos: Castelao, Brea Segade e Rafael Dieste (que levan nas mans as súas obras máis destacadas).

Neste orixinal Belén están representados tamén os autores da letra e da música da emblemática Rianxeira (Ángel Romero e Xosé Frieiro); Lela, a persoaxe de Castelao; e tamén Maruxa e o gaiteiro Xosé Romero, do mítico grupo local Os Rosales.

Por suposto, a Virxe de Guadalupe sae en procesión da capela, seguida pola Banda de Música, e as gaivotas póusanse nos tellados.

Non faltan tampouco a emblemática cheminea da praia da Torre ou as típicas Casas do Remo (chamadas así porque eran pequenas vivendas de mariñeiros cuxas fachadas miden de ancho o mesmo que un remo de longo).

Por outra banda, o colectivo organizou un obradoiro de scrapbooking de adornos para Nadal, gratuíto, no que só se pagará o material utilizado. Será no Liceo de Rinlo, do 13 ó 20, de 17.30 a 20.00 horas. Os interesados en anotarse poden chamar ó 677 832 917.

07 dic 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.