Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O Concello vai realizar un estudo fitopatolóxico do chan da súa histórica Carballeira // Acometerá a caracterización de dúas árbores do xardín botánico catalogadas e protexerá o conxunto TEXTO . Sol Elvira

Caldas, paso adiante na defensa da natureza

Protexer os seus espazos naturais e as especies senlleiras que neles habitan é un dos fins que está a perseguir de Caldas de Reis, que vén de recibir unha subvención de 7.600 euros da Consellería de Medio Ambiente ao abeiro da orde de axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

Trátase dunha contía que se destinará, segundo informan desde o Concello, por un lado á elaboración dun estudo completo de fitopatoloxía do chan da súa Carballeira, formación declarada senlleira onde se detectaron diferentes problemáticas. E, por outro, á mellora do coñecemento e o deseño de patróns de conservación e mantemento dos dous exemplares arbóreos “senlleiros” presentes no Xardín Botánico, conxunto declarado, ademais, Ben de Interese Cultural.

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, subliñou os esforzos que cada ano realiza o Goberno local na xestión tanto da Carballeira como do Xardín Botánico, dous espazos naturais emblemáticos de Caldas de Reis nos que é preciso investir recursos para garantir a súa correcta conservación.

Nesta liña incidiu en que as actuacións a desenvolver con esta achega son “moi necesarias para manter nas mellores condicións o conxunto co obxecto de favorecer tanto o seu bo estado biolóxico e natural como o seu uso e desfrute por parte da veciñanza”. As actuacións dirixidas ao mantemento e conservación dos mencionados espazos naturais levaranse a cabo de acordo coas pautas de acción establecidas no Plan Director do Arborado do Xardín Botánico e da Carballeira realizado polo enxeñeiro agrónomo e arquitecto da paisaxe, Pedro Calaza.

SEGUIMENTO. Sostido neste documento, o Concello realiza un seguimento técnico de ambos conxuntos e ten deseñado unha listaxe das árbores que precisan de actuacións máis urxentes, describindo o seu estado e as propostas de traballo a desenvolver sobre as mesmas e sobre o calidade do chan.

Segundo avanzan, destinaranse 3.500 euros ao estudo completo de fitopatoloxía do chan da Carballeira que se realizará mediante unha análise multiespecífica con técnicas innovadoras de bioloxía molecular NGS para a detección e cuantificación de especies potencialmente problemáticas de fungos desenvolto no Laboratorio Fitolab do Instituto Pedro Nunes, vinculado á Universidade de Coimbra e punteiro neste tipo de análise.

Trátase dunha secuenciación masiva de microorganismos para determinar a súa presenza mediante análise bioinformático. Iso permitirá coñecer o estado fitopatolóxico do chan para así poder propoñer as técnicas de xestión máis adecuadas en función dos resultados. Por exemplo, a existencia dalgunhas especies e a súa cuantificación pode supoñer a conveniencia ou non dalgún tipo de abonado orgánico ou a xestión da rega. A metodoloxía é sumamente innovadora neste campo e pode axudar a unha xestión científica e diferenciada da masa arbórea completa da Carballeira.

Os outros 4.100 euros da achega servirán para a caracterización global do estado de conservación do exemplar de Cunninghamia lanceolata (Abeto da Conchinchina) e de Araucaria brasiliensis (Araucaria Angustifolia), ambos presentes no Xardín Botánico e catalogados como ‘Árbores Senlleiras’.

O estudo recollerá a toma de datos en campo de tipo dendrométrico, biomecánico, de situación; a análise visual da árbore, o diagnóstico de vitalidade, vigor e morfofisiolóxico, a categorización dos exemplares no seu ciclo e etapa de desenvolvemento; a análise dos posibles condicionantes da contorna e a súa relación co estado fisiolóxico das árbores, a análise preliminar visual das pragas e/ou patoloxías que poidan estar presentes na árbore.

A partir destes datos elaborarase unha ficha individualizada de cada unha, coas recomendacións e pautas de xestión da árbore e as propostas de mellora na súa xestión e na da contorna. Isto á vez servirá de modelo para estudos posteriores noutros exemplares catalogados.

PLAN DIRECTOR. No marco do Plan Director do Arborado unha das estratexias que se está levando a cabo na Carballeira actualmente é a de deixar medrar a herba como mecanismo de descompactación do chan co obxecto de favorecer a súa osixenación e mellorar así entrada de nutrientes ás árbores.

Hai que indicar, por último, que ao deixar medrar a vexetación aumenta a descompactación do chan e iso tradúcese nunha mellor calidade do escosistema edafolóxico, potenciando a vida dos microorganismos para acadar un solo máis san.

19 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.