Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Servizos. Será inaugurada o sábado, día 14, ás 12.30 horas // Está ubicada no Centro de Iniciativas e ten capacidade para cinco persoas, ao igual que a de Xaviña // É de uso gratuíto e ofrece transporte de balde TEXTO M. Lavandeira

Camariñas abre as portas da súa segunda casa dos maiores na capital municipal

O Concello de Camariñas inaugurará o vindeiro sábado, 14 de xaneiro ás 12.30 horas unha nova casa do maior no municipio, que neste caso estará situada no Centro de Iniciativas, na rúa Río do Prado da capital municipal, e que poderá dar atención a cinco usuarios.

Todas as persoas que o desexen poden achegarse ata alí para coñecer esta nova infraestrutura.

Así, o Centro de Iniciativas converterase na segunda casa do maior do municipio tras a posta en funcionamento da de Xaviña, que conta con outras cinco prazas. Para iso, habilitouse unha gran aula do edificio, no que tamén se levan a cabo o obradoiro de emprego, as clases de informática e outras actividades.

O servizo será posto en marcha pola cooperativa sen ánimo de lucro Mazariñas, que recibiu unha subvención por parte da Consellería de Política Social para a obra e para o mantemento do funcionamento, ao igual que ocorreu na da parroquia de Xaviña.

A casa do maior é un servizo gratuíto e o transporte das persoas usuarias, que veñen derivadas por Política Social, tamén está incluído. O único gasto que deberán sufragar as familias, se o desexan, é o da comida. O espazo habilitado conta cunha zona de actividades e outra de cociña e comedor. Ademais, hai dous baños adaptados, un deles con ducha, e un ascensor para que sexa totalmente accesible.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destaca que “este modelo de casas do maior está suplindo aos centros de día e cremos que ten unha moi boa acollida por parte da veciñanza, xa que non se centraliza toda a actividade nun mesmo lugar senón que se poden crear en diferentes puntos”. A nosa intención, engade, “é continuar aumentando a cobertura en materia social, para nós é algo prioritario”, sinala.

Coa que se inaugurará o sábado, o Concello camariñán contará con dúas casas do maior. A primeira en abrir as súas portas foi a de Xaviña, habilitada no antigo colexio. Conta tamén cunhas instalacións totalmente equipadas, con espazos de lecer, zona de descanso e cociña, ofrecendo asemade a posibilidade de facer actividades no exterior.

Os usuarios e usuarias interesadas teñen que ser derivados a través de Servizos Sociais despois da valoración pertinente. Tamén está aberta a persoas que, por situacións de soidade ou illamento, a traballadora social valorase que poden ser usuarias deste servizo. Organízanse actividades ideadas para persoas activas, de socialización, exercicios e potenciación dos hábitos da vida diaria.

Ademais do Concello de Camariñas, tamén contan con casas do maior outros municipios da Costa da Morte, como Cee, Coristanco, Laxe e Mazaricos. Asemade, en Malpica están cos últimos trámites para poñer en funcionamiento un centro de día no inmoble da Casa do Oleiro.

CENTRO SOCIAL. Por outra banda, o Concello de Camariñas vén de solicitar unha subvención de 187.817,10 euros, de fondos europeos, para transformar o baixo do Centro de Iniciativas nun centro social e conseguir así que o edificio ofreza os mesmos servizos que os que habería nun centro de día.

Esta axuda encádrase dentro do Plan de Investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais con cargo aos fondos europeos e no marco do acordo entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a Fegamp.

As actividades que se realizarán teñen como finalidade elevar os niveis de información, fomentar a participación persoal e comunitaria, estimular o intercambio e a axuda mutua e mellorar progresivamente a forma de vida das persoas usuarias.

12 ene 2023 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.