Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Camariñas e La Turballe comparten nun libro os segredos gastronómicos

A publicación inclúe as receitas tradicionais e actuais dos dous concellos // Será presentada na próxima Mostra do Encaixe

Como municipios irmáns que son, o Concello de Camariñas e o francés de La Turballe, apoiados pola Asociación La Turballe – Cap Camariñas, veñen de compartir os seus segredos gastronómicos. Fixérno no libro La Turballe e Camariñas comparten mesa, onde se recollen as receitas tradicionais e tamén as máis actuais de ambas localidades.

Esta publicación é o froito dun traballo conxunto de varias persoas de ambos municipios, que teñen moitos puntos en común, como pode ser a paixón pola cociña, consecuencia da alta calidade dos produtos dos seus mares e tamén da súa terra.

Ao longo do receitario o lector poderá coñecer a tradición e a historia de Camariñas e La Turballe a través de receitas explicadas por veciños e veciñas, que pasaron de xeración en xeración con propostas de sabores que “evocarán lugares, persoas e incluso instantes”, afirman.

Algunhas das receitas que se poden atopar no libro son: Paté de sardinas, por Jacky Trimaud, pescador xubilado de La Turballe; Tiras de calamares e tentáculos con manteiga de tomates, por Xavier Chevallier, chef do restaurante francés Le Terminus; Jurel empanado con cacahuetes e tartar de tomate, pepino, albahaca e menta, por Thomas Barreau, especialista en cociña sustentable.

Dende Camariñas aportan Fideos fritos con verduras, marisco e algas, por Maika Campos, cociñeira e xerente do bar Curbeiro; Calamares recheos, por Dorita García Carril, encaixeira e presidenta da Asociación Rendas; Revolto de caviar de ourizo de mar, por Gemma Pedreira Allo, responsable de producción de Conservas Leticia.

Ademais das receitas de cada territorio poderán atoparse neste libro historias de persoas de ambos municipios, que falan da tradición mariñeira de Camariñas e La Turballe, dunha forma directa e emotiva, co desexo de compartir cos lectores o forte vínculo entre os dous pobos.

A publicación será presentada publicamente na XXXI Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se celebrará coincidindo coa vindeira Semana Santa de 2022. Ao acto está previsto que asistan as persoas que a fixeron posible.

O libro inclúe ademais un prólogo, obra da alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua Rial, do seu homólogo de La Turballe, Didier Cadro, e da presidenta da Asociación La Turballe – Cap Camariñas, Dominique Floc’h.

29 nov 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.