Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Pintou un carballo antigo que resiste a escasos metros do bar visto desde os catro puntos cardinais // Cada debuxo representa unha estación // As caras simbolizan ós gaiteiros das foliadas e aportan unha nova paisaxe ó establecemento TEXTO Víctor Furelos

Camilo Seira alegra a terraza da taberna O Pemento de Rois

A taberna O Pemento, ubicada en Seira, no municipio de Rois, é moito máis que un sitio ó que ir tomar o chiquito. Juan Calvo soubo darlle vida propia a un local no que os clientes son como da casa, e agora ten continuidade con Chus Mosquera á fronte.

As súas foliadas do primeiro venres de mes atraen a xente da contorna e de máis alá, pero o compromiso do Pemento coa amizade é toda unha louvanza que colle forma coa celebración do Sanviño, ó que sacan en procesión cada mes de xullo, ou coa entrega dos premios da Xente do Querer que reúne aos veciños da parroquia que cada verán acoden ó acto cada un coa súa cadeira para estar máis cómodos. E aínda teñen tempo nesta emblemática taberna para organizar unha festa dos callos que non é máis que un agasallo a quenes acuden ás súas mesas a desfrutar duns platos sinxelos pero saborosos.

Hai xa anos que o artista e veciño do lugar Camilo Seira plasmou parte da vida do Pemento nas paredes do seu interior cun bonito mural no que destacan as gaitas e a festa. Agora repite experiencia. Esta vez cuns fermosos debuxos que adornan o longo muro blanco da gran terraza do local de Rois. O artista contou con total liberdade á hora de confeccionar á súa obra. E dándolle voltas á cabeza acordou que diante da taberna había antigamente unha devesa cunha carballeira na que se xogaba ó fútbol. Actualmente só sobreviviu un daqueles carballos e permenece erguido aínda que retorcido polo paso do tempo.

Camilo Seira buscou varios enfoques e comprobou como a visión mudaba dependendo desde onde mirara á arbore. Así estudouna desde o norte, o sur, o leste e máis o oeste. Foi así como comezou os seus trazos na parede. Catro artísticas vistas do mesmo carballo.

Ademais pintou cada unha delas en relación cunha estación. O que representa a primavera ten no seu lombo unha bubela, como o carballo orixinal, e cando chega o verán é colonizado por un coleóptero máis grande que a cornada que se chama capricornio maior e que xa está no mural do establecemento O Pemento. O carballo do inverno asubía como o vento ó tempo que o do outono amosa a lingua como se fose o cogumelo coñecido como lingua de boi. O conxunto non pode ser máis fermoso. Son carballos con caras de gaiteiros como un chisco de ollo que o mencionado artista fai á actividade das foliadas no Pemento.

Camilo Seira quixo facer unha especie de trampantoxo para que os clientes que senten na terraza do Pemento poidan desfrutar da vista dunha carballeira moi singular e orixinal. E abofé que o conseguiu.

02 ene 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.