Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Campaña para captar talento e novos proxectos empresariais dende Carballo

O Coworking divulgará os servizos e vantaxes por todos os concellos da Costa da Morte

Carballo. A segunda edición do Carballo Coworking impulsou unha campaña de promoción e difusión que se está a levar a cabo por toda a Costa da Morte para dar a coñecer este espazo de traballo colaborativo, impulsado pola área de Promoción Económica e integrado na Rede de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña.

O persoal técnico vén de iniciar un percorrido pola contorna para visitar, un a un, os 16 concellos da Costa da Morte, ademais doutros municipios próximos como Arteixo, Cerceda ou Santa Comba. Divulgarán os servizos e as vantaxes que este espazo ofrece a emprendedores ou empresas de nova creación.

Leváronse a cabo encontros con técnicos de emprego e responsables municipais dos servizos de Orientación Laboral, Promoción do Emprego ou Emprendemento, aos que tamén se lles facilitou diverso material informativo para a súa difusión entre a veciñanza. Así mesmo, mantiveron reunións coas principais asociacións de empresarios e outras entidades como o GALP Costa da Morte, o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Costa da Morte e a Asociación de Desenvolvemento de Bergantiños.

A campaña de promoción e divulgación do Carballo Coworking continuará durante todo mes de maio, aínda que agora serán os centros de educación secundaria da Costa da Morte e os obradoiros municipais de emprego os destinatarios dun ciclo de charlas informativas dirixidas a captar talento entre o seu alumnado. M. LAVANDEIRA

09 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.