Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cándido Pazos pregoará a Festa do Salmón da Estrada

Recibirá a insignia de ouro xunto co centro de saúde e o 112 // A praza do Novo Mercado acollerá a gran degustación o día 15

O escultor e escritor Cándido Pazos será o pregoeiro da XLVIII Festa do Salmón da Estrada. Así o anunciou este xoves o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, na presentación do programa desta edición que se celebra os días 14 e 15 de maio e que recuperará o formato tradicional despois de dous anos condicionada pola pandemia.

Constenla explicou que o Centro de Iniciativas e Turismo elixiu a Pazos como pregoeiro “pola súa vinculación coa Estrada, tanto persoal coma profesionalmente”, con varios dos seus traballos nas rúas da vila. Xunto ao escultor, este ano serán distinguidos coa insignia do Salmón de Ouro o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 e o Centro de Saúde da Estrada, “pola súa labor nestes dous anos de pandemia”.

No eido gastronómico, o acto central volverá ser a degustación popular de salmón, que terá lugar o domingo 15 de maio entre as 12.00 e as 15.00 horas na Praza do Novo Mercado. As bandexas, con dúas racións, terán un custo de 5 euros tanto para a veciñanza coma para os visitantes, que poderán probar 20 receitas de dez establecementos: Malo Será, Cervela, A Casa do Pan, Ananás, A Bombilla, Mr. Pizza, Velis Nolis Bistró, O Asador de Leo, Os Peares e Valenciaga.

Ademais, durante o venres 13 e o sábado 14, de 12.00 a 15.00 e de 20.00 a 23.00 horas, haberá unhas “xornadas de tapeo” nas que participarán 21 establecementos con tapas a 2,50 euros co salmón como protagonista. Esta ruta das tapas estará dividida. O venres será a quenda do Samaná, O Lar, A Taberna da Feira, A Bodeguiña, O Candil de Silvia, Taberna Navegación, 20 Berzas, Bar Enredo, A Bombilla, Cervexería Eureka e Velis Nolis Bistró. O sábado, Ananás, O Café de Xulia, Gran Vía, O Mesón, O Paseo, Bar Oasis, Malo Será, O Bodegón e Andalucía. As persoas que participen recibirán unha tarxeta que deberán cubrir unha vez selada en cinco locais e participarán nun sorteo de cestas de agasallos.

Tamén haberá actividades culturais e deportivas que completarán a programación. O sábado 14 a xornada comezará ás 8.00 horas coa celebración do Raid Hípico do Salmón, que por primeira vez terá carácter internacional e incluirá unha proba de 100 quilómetros que sairá da praia fluvial de Liñares. Pola tarde, se celebrará a VII edición do Rafting do Ulla, que sairá ás 16.00 horas do Couto de Ximonde. Haberá 50 prazas dispoñibles.

A xornada finalizará ás 21.00 horas co festival Salmón Rock na alameda e contará coas actuacións do alumnado da escola Musikenos. Ademais, ao longo da xornada haberá animación infantil polas rúas.

As actividades do domingo 15 de maio, día grande da Festa do Salmón, comezarán ás 12.00 horas no Teatro Principal coa lectura do pregón e a imposición dos Salmóns de Ouro. Ás 12.30 horas, o espectáculo Sabor da compañía Culturactiva acompañará aos asistentes á degustación popular na Praza do Novo Mercado, onde ás 13.30 horas terá lugar a actuación do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso.

Pechará o programa a actuación da Coral Polifónica Estradense no Teatro Principal ás 19.30 horas.

06 may 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.