Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A exposición de fotografías ‘Enredadas’, que estará en Muros ata o 18 de xullo, contribúe a potenciar o valor social do oficio das redeiras, impulsa a aposta pola sustentabilidade e pola economía circular, e apoia a comercialización dos novos produtos // Miguel Vidal é o autor das imaxes TEXTO M. Boo

Cando a arte tamén cae nas redes

A Xunta de Galicia, por medio da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Consellería do Mar, presenta unha nova iniciativa de divulgación da diversificación do oficio tradicional das redeiras artesás galegas.

Trátase da exposición de fotografías Enredadas, realizada en colaboración co Concello de Muros e que se pode visitar desde hoxe mesmo ata o próximo 18 de xullo.

Nas fotografías, realizadas por Miguel Vidal, pódense ver os resultados dos últimos cursos de formación realizados en Buño a finais do ano 2020 e nos que as redeiras aplicaron as técnicas do oficio tradicional de elaboración e reparación de redes aos ámbitos da moda, dos complementos e da decoración de interiores, impartidos polas deseñadoras Rosalía Castro e Raquel Sousa.

Enredadas é o resultado da colaboración que levan a cabo desde o ano 2012 a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación –a través de Artesanía de Galicia– e a Consellería do Mar orientada a ofrecerlle formación especializada e continuada ao colectivo formado polas redeiras artesás de diferentes localidades galegas e acadar así unha renovación desta actividade tradicional e un incremento dos ingresos deste colectivo.

Os obxectivos deste proxecto son poñer en valor o traballo das redeiras artesás e do seu oficio, apoiando a diversificación da súa actividade profesional; e tamén mellorar a súa situación económica, fomentando a súa estabilidade laboral e incorporando novas redeiras ao sector.

Búscase tamén promover a colaboración intersectorial que lle abra as portas ás redeiras dun mercado contemporáneo, introducir novos materiais e mellorar as técnicas e a calidade dos produtos elaborados.

Enredadas contribúe a potenciar o valor social do oficio das redeiras, impulsa a aposta pola sustentabilidade e pola economía circular, e apoia a comercialización dos novos produtos e a promoción do propio proxecto.

Grazas a este proxecto, a Fundación Pública Artesanía de Galicia foi galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía celebrada en 2016.

A exposición Enredadas estará aberta ata o 18 de xullo no Muíño das Mareas do Pozo de Cachón de Muros de martes a venres en horario de dez da mañá a dúas e catro da tarde a sete e media, e os sábados de xeito ininterrumpido de dez da mañá a catro da tarde.

A maiores, entre os días 17 e 18 de xullo, a Fundación Artesanía de Galicia ten previsto organizar a Feira Artesanía de Galicia na praza de abastos de Muros.

18 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.