Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Cans para mellorar a vida das persoas con alzhéimer en Bergantiños

Afaber, co apoio de Aloumiños, promove terapias para usuarios do seu centro // A interacción axúdalles a estimular os recordos

A Asociación de Familiares de Persoas Afectadas pola Enfermidade de Alzhéimer e outras demencias da comarca de Bergantiños (Afaber), en colaboración con Aloumiños (Asociación de Persoas con Necesidades Específicas da Costa da Morte), promoveu unha nova sesión terapéutica con cans, que fixo que os usuarios do seu centro desfrutasen dunha visita moi especial para eles.

Dende Afaber aseguran que a terapia con animais en persoas cunha demencia está dirixida a promover unha mellora psicolóxica, social, emocional e cognitiva das participantes. O propósito destas sesións é aproveitar os beneficios que se producen na interaccións cos cans, traballando os recordos vinculados a estes animais ao longo da súas vidas. “A motivación xerada polos animais en estas actividades é clave”, afirman.

Estas terapias son o inicio dunha liña de colaboración entre a Asociación Alzhéimer Bergantiños e Aloumiños. Ambas entidades firmarán un convenio para promover distintas actividades de carácter interxeracional entre persoas usuarias de ambos colectivos e tamén ciclos formativos para persoas coidadoras.

Afaber está a celebrar vinte anos de traballo para mellorar a calidade de vida das persoas con alzhéimer e as súas familias. Todo comezou coa posta en marcha en 1998 dun grupo de apoio desde o departamento de Servizos Sociais do Concello carballés en colaboración cunha asociación da Coruña. Os familiares atoparon así un punto de encontro no cal poder desafogarse e buscar solucións a moitos problemas comúns.

No 2001 Afaber constituíuse como asociación e puxo en marcha un programa de traballo para prestar aos asociados e á poboación en xeral recursos e servizos que posibilitaron unha mellora na súa calidade de vida. .

Ao longo deste ano, o colectivo que preside Jesús Villar, vén desenvolvendo diversas actividades para conmemorar as dúas décadas de traballo. O pasado mes de xullo presentaron o proxecto O chocolate da memoria,coa colaboración da fábrica Mariño Muñiz. Ten como finalidade a venda de tabletas e paquetes de chocolates con case cen anos de historia. Parte do recadado será donado a Afaber como donativo.

As tabletas están envoltas e decoradas polas persoas usuarias do programa de estimulación, e xuntos recordan aqueles fermosos tempos da nenez vinculados a este chocolate. Os interesados en compralas poden chamar á asociación (625 980 691) ou acudir á sede de Afaber, na rúa Camelias de Carballo.

23 ago 2021 / 18:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.