Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Carballo acollerá un plan de vivendas sociais ecolóxicas

Fomentará a edificación de consumo enerxético case nulo // O modelo construtivo estará baseado en estándares da passivhaus

A Deputación da Coruña e o Concello de Carballo colaborarán nun proxecto piloto para a promoción de vivenda social ecolóxica e sustentable. Así o acordaron este venres o presidente provincial, Valentín González; o vicepresidente, Xosé Regueira; e o alcalde carballés, Evencio Ferrero, nunha xuntanza na que participou tamén o deputado da área de Emprego, José Ramón Rioboo.

Os representantes de ambas institucións concordaron na importancia de potenciar a arquitectura ecolóxica mediante a promoción de inmobles pasivos, de consumo enerxético case nulo. Este modelo de edificación, construída aplicando os estándares da passivhaus, responde a un deseño construtivo que busca reducir ao máximo a enerxía necesaria para a súa climatización, logrando manter un ambiente e unha temperatura constantes e confortables durante todo o ano mediante a optimización dos recursos existentes.

Actualmente existe un parque de máis de 300 edificios certificados passivhaus en España incluíndo vivendas unifamiliares, edificios multirresidenciais, tanto de vivenda pública como privada, e edificios terciarios de uso dotacional, educativo e sanitario.

Por este motivo, en liña coa estratexia establecida no Pacto Verde Europeo e en aras de loitar contra o cambio climático, evitando a contaminación, para a transición cara un modelo produtivo e social máis ecolóxico, abriuse unha liña de investigación para a promoción e proxección de vivenda pasiva sustentable na provincia, coa finalidade de incorporar tipoloxías de edificacións adaptadas ás novas realidades, minimizando a pegada ecolóxica mediante solucións bioclimáticas.

Encargaron un estudo de viabilidade de vivendas passivhaus no Concello de Carballo, que foi redactado por un equipo liderado pola arquitecta Marta Trigás, profesional que desenvolve a súa actividade desde o coworking do Pazo de Arenaza.

Valoráronse aspectos sociais e da xeografía humana, como a densidade de poboación, a existencia de demandantes de vivenda na zona e de vivendas desocupadas, e o estudo concluíu que o ámbito proposto é idóneo para a posta en marcha dun proxecto piloto de vivenda pasiva, tendo en conta tamén o modelo de desenvolvemento urbano sustentable que está a asumir e que o postulan como un exemplo a seguir por outros concellos da zona e da provincia, en termos de mobilidade, accesibilidade e inclusión.

Tras esta análise, o Concello de Carballo e a Deputación acordaron formalizar o convenio para poñer en marcha un proxecto piloto de vivenda ecolóxica en alugueiro social coa finalidade de impulsar actuacións replicables por toda a provincia. Ambas institucións acordaron destinar un total de 94.967 euros a sufragar os custos do proxecto.

A nova senda de accións cara unha construción pasiva, que comezará coa posta en marcha deste proxecto piloto, achegará á provincia os beneficios da transición ambiental a través de experiencias tanxibles a nivel local. Ademais suporá a mellora da vida cotiá da cidadanía, xa que este tipo de arquitectura sostible promove tres valores fundamentais: sustentabilidade, desde os obxectivos climáticos ata a circularidade, a contaminación cero e a biodiversidade; estética, a calidade da experiencia e o estilo, máis aló da funcionalidade; e inclusión, valorizando a diversidade e a accesibilidade.

A este proxecto seguiranlle outras actuacións por toda a provincia tras o estudo das diferentes propostas, promovéndose a rehabilitación no rural, a proxección de inmobles ecolóxicos en espazos urbanos e, en definitiva, a construción pasiva e sostible no territorio. De feito, ao Concello de Carballo seguiralle previsiblemente o de Culleredo, que xa amosou o seu interese en levar a cabo este tipo de actuacións no seu municipio.

Coa apertura desta liña de actuación, “queda patente o compromiso da presente corporación co medio ambiente, a transición ecolóxica e o crecemento verde, sostible e integrador”, afirman.

26 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.