Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Carballo agasalla á veciñanza máis comprometida co medio ambiente

Entregoulle plantas de tempada dos xardíns municipais ás familias que apostan pola compostaxe // Os pequenos colaboraron na decoración da vila no Samaín

O Concello de Carballo decidiu poñer a disposición da veciñanza as plantas de tempada que se retiran dos xardíns municipais, e a iniciativa resultou todo un éxito, pois en só tres horas repartíronse 160 macetas con begonias e alegrías, que tiveron moi boa aceptación. Mesmo houbo momentos de aglomeración ao redor do posto instalado na céntrica rúa da Coruña.

Este primeiro reparto dirixiuse en exclusiva ás persoas que participan nos programas de compostaxe do Concello de Carballo, tanto na zona urbana, coa chave que abre os contedores marróns, como no eido rural, cos composteiros individuais.

Nestes momentos hai 1.472 familias comprometidas co proxecto medioambiental Ti tes a chave, e a elas sumáronse outras 24 esta semana.

En canto á compostaxe doméstica, aos 716 que están repartidos por todo o territorio municipal engadíronse outros dez, segundo sinalan dende o Concello carballés.

Os veciños e as veciñas que non puideron achegarse a recoller as plantas poderán dirixirse ao posto informativo, que seguirá aberto tamén para tramitar novas solicitudes de participación ou para que as persoas que utilizan os colectores marróns poidan recoller bolsas compostables. Todo o material que se facilita nos programas é de balde.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tamén se achegou ata a rúa da Coruña para seguir en primeira persoa o desenvolvemento desta nova acción de sensibilización medioambiental, que se suma á recente campaña de decoración dos xardíns con cabazas decoradas e a outras iniciativas que veñen desenvolvendo ao longo do ano co obxectivo de que o concello sexa cada vez máis sostible.

A campaña Presume de xardíns, impulsada pola administración local carballesa, trata de fomentar dende a infancia o respecto e o coidado das zonas verdes e os espazos públicos. Foron 215 as nenas e nenos que colaboraron, co apoio das súas familias e mestres, nesta iniciativa.

Co fin de que a rapazada poida seguir coidando a natureza, cada un dos participantes foi agasallado cun exemplar de prímula ou primavera, unha planta que poderán conservar durante moito tempo nas súas casas se a coidan ben. Con cada maceta recibiron un folleto de instrucións sobre as condicións óptimas para esta planta con flores de cores moi intensas.

E, ademais, todos eles puideron degustar un chocolate Mariño ben quentiño con pan de ovo da Brea.

Os nenos e nenas, as súas familias e o profesorado do CEIP Xesús San Luís Romero, que se sumou á iniciativa con ducias de cabazas, foron recibidos polo alcalde, Evencio Ferrero, que compartiu con eles unha tarde de música con chocolatada incluída.

28 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.