Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
arte. O Pazo da Cultura acolle ata o 27 de novembro unha mostra que dá a coñecer as técnicas tradicionais do gravado calcográfico a través de Dalí, Picasso e Miró // Inclúe pezas seleccionadas dos fondos da colección de Afundación TEXTO M. Lavandeira

Carballo amosa a obra de grandes mestres gravadores do século XX

A Sala de Exposicións Alberto Gende do Pazo da Cultura acolle ata o 27 de novembro a mostra Múltiple. A arte do gravado de Picasso a Barceló, promovida por Abanca, Afundación e o Concello de Carballo. A exposición pode visitarse de luns a sábado de 16.30 a 21.00 horas.

Está composta por pezas gráficas seleccionadas entre os fondos da Colección de Arte de Afundación, e permite ampliar coñecementos sobre a obra dalgúns dos mestres gravadores da arte española do século XX, entre os cales destacan tres grandes xenios internacionais da pintura que o foron tamén da arte da estampa: Salvador Dalí, Pablo Picasso e Joan Miró.

No proxecto expositivo o visitante atopará un Dalí ilustrador de pezas literarias con dúas obras pertencentes a A divina comedia (1960). O artista da vangarda ilustrou tamén Cantos de Maldoror (1934), O Quixote (1957) e a Tauromaquia surrealista (1976). A mostra deixa constancia, así mesmo, de como as obras calcográficas de Joan Miró rivalizaron coas pinturas de Dalí en intensidade e beleza, proba disto é a magnífica obra que se seleccionou nesta ocasión, Quatre colors aparien el món, na que a liberdade coa que Miró se enfrontaba a súa obra produciu unha das imaxes máis belas da plástica do século XX.

O Picasso gravador fai, tamén, unha importante achega á exposición. Despois dos anos vinte, aínda que esporádico, o artista malagueño foi un xenial gravador, pero será a partir dos anos corenta cando aumente a súa produción de gravados e xurdan, así, as súas obras mestras neste campo. Na mostra poden verse algúns dos seus principais traballos neste eido, tales como a serie de A celestina e A danza.

A primeira manifestación do espírito renovador da arte, despois da Guerra Civil, apareceu ligada ás estampas publicadas nas edicións de La Rosa Vera, dirixida polo gravador Jaume Pla desde 1949. Entre os artistas ligados a esta renovación destacan Joaquín Sunyer, Albert Ràfols Casamada, Guinovart ou José Caballero, todos eles presentes nesta exposición. Na publicación Estampas de la Cometa aparecerán os traballos dos grandes mestres Antonio Saura, Eduardo Chillida ou Hernández Pijuán. A esta actividade interior habería que acrecentar a de tres nomes significativos que traballaron no exilio: Antonio Rodríguez Luna, Antoni Clavé e Luís Seoane, tamén presentes na mostra. Na arte do gravado do século XX é imprescindible coñecer o papel do grupo vangardista Dau al set, no que destaca a incuestionable figura de Tàpies, que está presente no proxecto con tres obras, unha delas unha augaforte en relevo.

O espectador asistirá a un percorrido fiel pola arte calcográfica española dos últimos tempos, no que as distintas técnicas de gravado, litografía e serigrafía reivindican definitivamente o seu valor técnico, estético e diferencial ao respecto do resto das manifestacións artísticas.

Esta mostra está enmarcada na iniciativa Cultura por alimentos que Afundación leva a cabo en colaboración coa Federación Española de Banco de Alimentos. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de produto non perecedoiros.

Sinalar que o acto inaugural estivo presidido polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; o gravador carballés Manuel Facal, que conta con dúas obras na exposición; José Manuel Vilariño, coordinador institucional de Abanca na Coruña; María Teresa Cores, coordinador de Cultura de Afundación; e Paloma Vela, coordinadora adxunta.

04 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.