Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Os participantes desfrutarán durante tres días da natureza, a gastronomía e a cultura do municipio // Este luns está previsto o concerto de Tanxugueiras

Case un cento de autocaravanas toman Vimianzo

Vimianzo será fogar estes días de aproximadamente cen autocaravanas, nunha concentración destes singulares vehículos. Este sábado tivo lugar a inauguración na área destinada para acoller ata once vehículos deste tipo, e contouse coa actuación da Asociación Cultural Trubisquiña. Posteriormente, as persoas participantes no programa desprazáronse ata a localidade de Cereixo.

Ás 14.00 horas celebrouse unha comida campestre e ás 18.00 horas, un paseo guiado polo porto de Cereixo, un núcleo de poboación moi antigo, que xa aparece nomeado en documentos medievais do rei Afonso VIII de León e Galicia. As persoas asistentes tiveron a posibilidade de desfrutar do seu patrimonio artístico civil, as Torres de Cereixo, un dos cabazos máis grandes da Costa da Morte e o muíño de mareas.Tamén do relixioso, coa igrexa románica do século XII e a representación da Traslatio Beati Iacobi na súa porta.

Xa para a xornada deste domingo está proxectada unha ruta polos Penedos de Pasarela e Traba, que comezará ás 10.00 horas. Declarados como Paisaxe Protexida en 2009 polo seu interese xeolóxico e xeomórfico, forman un museo ao aire libre con esculturas graníticas esculpidas polo vento ao longo do tempo. Ás 14.00 horas terá lugar un xantar e ás 16.30 unha visita guiada ao Castelo de Vimianzo en grupos de 25 persoas. Por outra banda, ás 17.00 horas conmemoraranse as Letras Galegas na Praza do Concello.

Para o luns 16 de maio, o día no que Tanxugueiras tocará na localidade, está prevista unha ruta polos segredos do Val de Vimianzo, cuxo inicio será ás 10.00 horas. Unha andaina circular que permitirá descubrir os sorprendentes tesouros que se agochan neste lugar e gozar das fermosas fervenzas do río Cambeda. Ás 14.30 horas haberá un pícnic no merendeiro do Mosquetín.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, sinala este programa como “froito do traballo de todo o equipo de Cultura e Deportes”, a quenes agradeceu “a súa implicación por confeccionar unha das mellores áreas de autocaravanas da Costa da Morte”.

15 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.