Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Catoira converte o edificio do vello concello nunha referencia cultural como Casa das Artes

Permitirá aglutinar nun só inmoble as escolas de pandeireta, gaita, artes plásticas ou teatro, dispersas agora por varios locais

A antiga Casa do Concello de Catoira está a transformarse para converterse nunha referencia cultural para todos os veciños do municipio. Así, a futura Casa das Artes dará unha nova vida a un edificio emblemático situado no centro de Catoira, o que facilitará o seu desfrute por parte da veciñanza. As obras, xa en marcha, contan cun orzamento de 449.248 euros financiados integramente pola Deputación de Pontevedra, que aporta 381.861 euros co Plan ReacPon e xa concedeu a Catoira os 67.397 euros restantes a través do Plan Concellos. Ata a obra achegáronse o deputado provincial, Gregorio Agís, e o alcalde de Catoira, Alberto García.

O financiamento da Deputación permitirá aglutinar nun só edificio as diferentes escolas municipais (pandeireta, gaita, artes plásticas ou teatro, entre outras) que na actualidade están dispersas por varios locais. A Casa das Artes será, polo tanto, un espazo integrador da vida cultural do concello. Ademais, o inmoble acollerá a radio municipal. Para que toda a veciñanza poida desfrutar destes servizos, a Casa está concebida como un lugar totalmente accesible, sen barreiras arquitectónicas, e que se dotará de ramplas e dun ascensor.

O inmoble contará con varias zonas diferenciadas como un espazo aberto destinado a zona de estudo e uso de tecnoloxías ou un grande salón polivalente onde se poderán levar as actividades das escolas, que disporá dun tabique móbil para gañar en flexibilidade de usos delimitando os espazos interiores en función das necesidades que poidan existir en cada momento.

A sostibilidade foi unha das premisas que estivo en todo o momento sobre a mesa cando se formulou este proxecto, que segue a liña dos obxectivos do Plan ReacPon da Deputación. Neste senso, a antiga casa consistorial converterase nun lugar “descarbonizado” cunha envolvente térmica óptima, máquinas de climatización e produción de auga quente sanitaria e paneis fotovoltaicos que reducirán a dependencia enerxética das novas instalacións.

29 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.