Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
CULTURA. O espectáculo ‘As oito da tarde, cando morren as nais’ iniciará a súa xira na vila da Xunqueira, do 5 ó 8 de maio // O Centro Dramático Galego incorporará por vez primeira un sistema inclusivo e mantén o plan de mobilidade TEXTO J. Ramos

Cee será a capital do teatro de Galicia durante catro días

O Centro Dramático Galego (CDG) inicia a vindeira semana en Cee a xira da súa última produción Ás oito da tarde, cando morren as nais. Así o confirmou o director da unidade teatral da Xunta, Fran Núñez, no acto de presentación na propia vila da Xunqueira, onde estivo acompañado pola alcaldesa, Margarita Lamela, e o técnico de Cultura, Víctor Castiñeira, entre outros.

Con dirección e dramaturxia de Marta Pazos, a montaxe leva a escena o texto da creadora escénica AveLina Pérez galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro en 2018 e conta con Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado no elenco.

A obra poderá verse no Auditorio Baldomero Cores, de Cee, do 5 ao 8 de maio. A primeira función, o xoves, destínase a alumnado de ensino Secundario e de Bacharelato. O venres e sábado, as sesións serán ás 21.00 horas e o domingo, ás 19.30. As entradas para asistir están xa á venda na web ataquilla.com a un prezo de cinco euros, con descontos do 40% para diversos colectivos, e poderán adquirirse tamén no despacho de billetes.

Recomendado para maiores de 12 anos, o espectáculo sitúa o público como elemento central e analiza de xeito crítico e irónico a relación entre o teatro e a súa recepción, cunha escenografía que reproduce un espazo de exhibición escénica. A parte das realizacións artísticas confórmana Rut Balbís, como responsable do movemento, Hugo Torres, do espazo sonoro, Nuno Meira, da iluminación, e Blanca Añón, da escenografía. Completan o equipo Pier Paolo Álvaro e Esther Quintas, quenes asumen o vestiario e a caracterización, respectivamente. Nas asistencias figuran Iria Azevedo, na de dirección, Pablo Chaves Maza, na de escenografía, Roger Portal Cervera, na de vestiario, e Xandre Vázquez, na de produción.

MOBILIDADE E INCLUSIÓN. Segundo Fran Núñez, trátase da primeira produción do ano do Centro Dramático Galego que sae do Salón Teatro de Santiago e faino con moitas novidades. Así referiuse ao tempo de permanencia en cada espazo, de catro días, co que se busca facilitarlle a asistencia á veciñanza, tanto do municipio que acolle o espectáculo como doutras localidades. Nesta liña apuntou a nova aposta da unidade teatral da Xunta, coa extensión á xira do programa de mobilidade consistente na contratación de autobuses para desprazar público da contorna. O concello de Outes xa confirmou a súa participación para asistir ás funcións de Cee.

Ademais, por primeira vez todas as representacións serán inclusivas, grazas ao sistema posto en marcha pola Consellería de Cultura, que permite dispoñer de interpretación en lingua de signos, subtitulado e audiodescrición en todas as producións. “As persoas con discapacidade auditiva ou visual poderán gozar de calquera das representacións sen limitarse a sesións específicas”, salientou Fran Núñez.

“Estamos moi orgullosos de compartir esta xira teatral con Cedeira, Catoira, A Estrada, Beja e Coímbra e poder dicir que durante a primeira fin de semana de maio Cee será a capital do teatro de Galicia”, afirmou a alcaldesa, Margarita Lamela.

Lembrou que Cee é “unha vila con fonda tradición teatral. Hai máis dun século xa había veladas teatrais no instituto Fernando Blanco”. Na actualidade, engadiu, “unha das compañías senlleiras do panorama teatral galego, Talía Teatro, naceu aquí contando con persoas destacadas nos diferentes campos da escena teatral: Artur Trillo, Toño Casais, Dani Trillo ou Martina Cambeira, por citar os máis coñecidos”.

VIAXE A PORTUGAL. Estreada o pasado 15 de abril, a produción Ás oito da tarde, cando morren as nais despídese este domingo do Salón Teatro de Santiago, onde terá sumado 14 funcións. Tras o inicio do percorrido en Cee, a peza viaxará a Portugal para ofrecer funcións en Beja, no marco do Festival Internacional de Teatro do Alentejo, un dos máis potentes de teatro iberoamericano do país luso, o día 12, e en Coímbra, o 14. O espectáculo regresa a Galicia o 19 de maio con parada no Auditorio Municipal de Cedeira, onde permanecerá ata o 22. Pola súa banda, o Auditorio Municipal de Catoira acollerá a montaxe do 26 ao 29, e, por último, o Teatro Principal da Estrada farao do 2 ao 5 de xuño.

30 abr 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Cee
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.