Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A Xunta vén de autorizar 66 ciclos formativos plurilingües para 33 centros galegos // Correspóndense con 71 titulacións diferentes // Preténdese mellorar a inserción laboral dos alumnos e a competitividade en sectores produtivos TEXTO Manuel Boo

Chega o inglés a aulas de FP de Caldas, Coristanco e A Estrada

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución definitiva pola que se autoriza un total de 66 ciclos formativos plurilingües que comezan no curso académico 2022/23 en 33 centros educativos galegos. En 57 deles a formación realizarase a través de módulos en inglés, en dous deles en inglés e francés e en sete en portugués. Estes novos ciclos súmanse aos 57 iniciados no pasado curso 2021/22, que no vindeiro curso impartirán módulos de segundo curso noutros idiomas.

Deste xeito, este ano haberá en Galicia un total de 33 centros con esta oferta (seis máis ca no pasado curso) a razón de trece na provincia da Coruña, catro en Lugo, cinco en Ourense, e once en Pontevedra. Aos que impartían ciclos plurilingües o curso pasado incorpóranse o CIFP Politécnico de Santiago, CIFP Compostela, CIFP Fraga do Eume, CIFP Imaxe e Son, CIFP Paseo das Pontes, IES Poeta Díaz Castro e o CIFP Fermín Bouza Brey. Estes ciclos correspóndense con 71 titulacións diferentes de FP que impartirán parte do seu currículo nunha lingua estranxeira neste curso 2022-23.

COMPETENCIAS LINGÜÍSTICAS. Os ciclos formativos plurilingües teñen como finalidade a mellora das competencias lingüísticas do alumnado de FP co obxectivo de mellorar a súa inserción laboral e a competitividade dos sectores produtivos.

Neste sentido, o desenvolvemento de habilidades de comunicación oral e escrita en linguas estranxeiras facilitará o desempeño laboral dos titulados no espazo europeo, na liña de internacionalización da FP que está a impulsar a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a través de iniciativas como o programa Erasmus+. Ademais, esta liña de acción dá resposta ás necesidades de formación e competencias lingüísticas expostas polas empresas e institucións que participan nos proxectos de FP dual de Galicia.

Os novos proxectos formativos plurilingües autorizados para o curso 2022/23 nos centros da contorna compostelá son os que se refiren á EFAG Fonteboa de Coristanco, que impartirá en inglés as disciplinas de Guía no medio natural e de tempo libre, Gandaría e asistencia en sanidade animal e Transporte e loxística; o CPR Plurilingüe San Fermín de Caldas que cursará tamén en inglés a asignatura de Actividades comerciais; e o estradense IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez que tamén utilizará o idioma inglés para impartir Administración e finanzas; Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma (FP dual); e Deseño e amoblamento (FP dual).

Na capital galega, ademais, o IES Plurilingüe Rosalía de Castro usará na materia de Guía, información e asistencia turísticas o inglés en 1º e o francés en 2º; no CIFP Politécnico chega o inglés ás clases de Laboratorio de análise e no CIFP Compostela ás de control de calidade e Dirección de servizos de restauración; e no IES San Clemente impartirase en portugués Sistemas microinformáticos e redes e Administración de sistemas informáticos en rede e en inglés as asignaturas de Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma e Desenvolvemento de aplicacións web.

Esta actuación encádrase dentro do Programa de Cooperación Territorial Plan de Modernización de la Formación Profesional, e da Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030. Poderá ser obxecto de cofinanciamento polo Ministerio de Educación e Formación Profesional e pola Unión Europea-NextGenerationEU no marco do programa de cooperación territorial Plan de modernización de la formación profesional, destinado ao redimensionamento da oferta de formación profesional, no marco do Compoñente 20 Plan estratéxico de impulso da formación profesional, do Mecanismo de recuperación, transformación e resiliencia.

{ meu dito, meu feito }
A ensinanza e os tempos
Manuel Boo

Os anos pasan e o mundo corre moi rápido. O que valía onte hoxe xa non serve. E apuramos tanto a vivir que semella que non somos quen de poñernos ó día. E a ensinanza non é unha excepción.

Nun mundo cada vez máis competitivo e global é moi necesario ter unha preparación elevada para poder sobrevivir. E os idiomas, hoxe por hoxe, son fundamentais.

Sinto envexa sá cando vexo a xente doutros países que falan tres idiomas grazas ós estudos básicos do seu país. E Galicia non debe nin pode estar a cola.

Os colexios plurilingües deberrían ser todos, aínda que xa sei que hai que ir paseniño. Pero o mundo xira moi rápido e os nosos mozos precisan estar mellor preparados.

14 ago 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.