Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Tres consellerías deseñan xa un ciclo de FP para a construción naval en madeira // “Levará tempo, pero está en marcha”, dixo Rosa Quintana en Rianxo // Quéixanse os estaleiros de que a falta de traballadores expertos ralentiza a actividade TEXTO S. S.

Claman as carpinterías de ribeira para formar a persoal cualificado

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este martes as instalacións de Estaleiros Catoira, en Rianxo, onde salientou o importante papel que xogan este tipo de talleres de construción de embarcacións en madeira para preservar o saber facer dos carpinteiros de ribeira, unha parte fundamental do patrimonio inmaterial de Galicia.

Neste sentido, lembrou que a Consellería asinou un novo convenio coa Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) por importe de 30.000 € para desenvolver actividades de recuperación, conservación e divulgación do patrimonio marítimo galego e para a protección deste oficio tradicional.

Quintana, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, incidiu en que Galicia consolida así o seu apoio á construción naval en madeira e á preservación do patrimonio cultural e mariñeiro.

De feito, o convenio prevé financiar distintas actuacións durante 2021, como a promoción da recuperación do patrimonio marítimo flotante como importante nicho de traballo para o futuro da carpintería de ribeira, o impulso da competitividade do sector e a promoción e a cooperación mediante a participación en distintos eventos.

Pola súa banda, o presidente de Agalcari, Ramón Collazo, destacou que “cando un estaleiro pequeno como o noso ten a sorte de contratar a construción dun barco de madeira, atópase coa enorme dificultade de conseguir persoal cualificado para poder cumprir cos prazos establecidos”. Neste sentido, Collazo reclamou a creación dunha formación regrada sobre a construción de barcos de madeira e con perspectivas de futuro, que poida sentar as bases dunha nova carpintería de ribeira”.

Ó respecto, Rosa Quintana indicou que “xa iniciei contactos ca Consellería de Cultura, Educación e Universidade e ca de Emprego e Igualdade para deseñar un ciclo de Formación Profesional, que nos vai levar tempo”. Asimesmo, engadiu que “a vindeira semana empezaremos a deseñar uns cursos de formación profesional para que os máis mozos poidan ver un futuro nesta actividade e que os que están hoxe desenvolvéndoa non teñan a dificultade de atopar persoal cualificado”.

Tamén lembrou que “Galicia é das últimas rexións europeas onde a carpintería de Ribeira conserva o seu vínculo co territorio e a que ten maior densidade e actividade de construción naval en madeira”. Por iso, subliñou a relevancia de renovar e modernizar o sector, de diversificar a produción e investir en tecnoloxía, I+D+i e formación co obxectivo de facer fronte a retos do sector como a remuda xeracional.

A representante do Executivo galego destacou que a colaboración con Agalcari -vixente practicamente desde a creación da entidade- permite avanzar na preservación desta forma de construír tradicional, que é unha mostra máis do patrimonio marítimo-pesqueiro e cultural da Comunidade. Galicia avanza así na protección da súa cultura marítima, á que contribuirá tamén o Plan da Cultura Marítima de Galicia-Horizonte 2030, que se elaborará no marco dun convenio de colaboración asinado a comezos de mes entre a Consellería do Mar, a Universidade da Coruña e a súa fundación.

o protagonista
“Urxe un novo regulamento construtivo”
Ramón Collazo
Presidente de Agalcari e dono do estaleiro Catoira

Estaleiros Catoira é unha carpintería de ribeira que comezou en 1915 a súa actividade de construción de buques pesqueiros de madeira tradicional e desde entón traballa na construción, reparación e mantemento de embarcacións tradicionais de pesca, auxiliares de acuicultura e de recreo, e dá traballo a dez persoas. Ramón Collazo (que rexenta o negocio co seu irmán Manuel, e preside o colectivo sectorial Agalcari) destacou “a necesidade de que Marina Mercante actualice un regulamento de construción naval xa obsoleto, de 1958, que non inclúe os grandes avances tecnolóxicos que se teñen producido dende entón, como o uso da madeira laminada ou os tratamentos epoxídicos”. Tamén ve necesario “rematar coa obriga de someter anualmente a unha revisión en seco ós barcos de madeira (os outros pásana cada dous anos e medio)”.

{ a letra pequena }
Tradición e modernidade
Suso Souto

A MAIOR PARTE dos residuos que xera a actividade da carpintería de ribeira son en realidade subprodutos que logo se comercializan, e son biodegradables. Trátase, pois, dunha actividade medioambientalmente sostible que debe ser potenciada (máis alá do apoio económico) polas administracións públicas. Co gran reto de acadar para a construción naval en madeira un selo de calidade, este sector milenario, á vangarda da economía circular, precisa tamén formación regrada que contribúa a apuntalar o seu futuro, avanzando precisamente pola senda da innovación tecnolóxica en alianza cas técnicas tradicionais. Unha formación que axudaría a profesionalizar aínda máis este traballo e a reducir á metade os prazos de execución.

21 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.