Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A entidade deu de alta no que vai de ano a 19 veciños con discapacidade dos municipios de Vedra, Ames, Boqueixón, Brión, Teo e Val do Dubra // Promoven en ditos concellos, coa axuda da Deputación, 174 orientacións laborais TEXTO A. Pérez

Cogami inseriu no mercado laboral a 46 persoas da comarca

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a vicepresidenta 2ª de Cogami, Mónica Álvarez San Primitivo, reuníronse na sede da institución provincial para presentar a actividade que leva a cabo a entidade, co apoio da administración provincial, en favor das persoas con discapacidade para a súa inclusión social e laboral.

Valentín González e Mónica Álvarez analizaron os resultados do Servizo de Intermediación Laboral (SIL) no que vai do ano 2022, un programa que conta co apoio económico da Deputación da Coruña, facilitando a inserción laboral de 846 persoas con discapacidade na provincia da Coruña, e promovendo un total de 2.866 sesións de orientación.

No caso da comarca de Santiago hai un total de 174 orientacións laborais, segundo datos facilitados por Cogami, a data do pasado novembro, e distribúense da seguinte forma: 84 en Ames, 10 en Boqueixón, 16 en Brión, 42 en Teo, 7 en Val do Dubra e 15 no municipio de Vedra. Un total de 19 persoas con discapacidade foron dadas de alta na base de datos durante este ano: en Ames nove, unha en Boqueixón, dúas en Brión, tres en Teo, unha en Val do Dubra e outras tres en Vedra.

No tocante ao número total de inscritos na base de datos, segundo as cifras aportadas pola entidade, son 541 as persoas rexistradas: 246 en Ames, 32 en Boqueixón, 148 en Teo, 23 en Val do Dubra e 27 en Vedra. E 46 persoas foron inseridas no mercado laboral: 27 en Ames, 4 en Brión, 9 en Teo, 5 en Vedra e unha no concello de Val do Dubra.

O presidente da Deputación da Coruña quixo aproveitar o encontro para destacar “a importancia do labor que levan a cabo en Cogami, ofrecendo ás persoas usuarias unha ampla variedade de servizos” e eloxiou “os datos de inserción laboral que acada o SIL, mellorando ano tras ano”. “Exercedes un papel fundamental para un colectivo que ten especiais dificultades para acceder ao mundo laboral”, afirmou.

Durante este ano, o servizo de emprego de Cogami realizou 504 novas entrevistas a persoas con discapacidade que entraron a formar parte da súa base de datos como demandantes de emprego e/ou formación. A día de hoxe, Cogami conta cun total de 7.895 persoas inscritas na base de datos na provincia; 58 % delas son homes e o 42 % restante son mulleres. Dentro de Servizo de Intermediación Laboral realizáronse tamén un total de 2.866 orientacións laborais, das que 971 foron realizadas en Santiago, 1.101 en A Coruña e 794 en Ferrol. Ademais, houbo 846 persoas inseridas no mercado laboral. Un 49 por cento da totalidade de Galicia concentrouse na provincia da Coruña.

Ademais de intermediación laboral, ofrece servizos de formación cara ao emprego, información, asesoramento, orientación, desenvolvemento de programas de promoción da autonomía persoal, de sensibilización e concienciación, programas específicos destinados á muller con discapacidade, asesoramento en accesibilidade, promoción de actividades de lecer e deporte inclusivo, xestión de asistencia persoal e fisioterapia. Ten tamén centros de recursos con servizos de apoio. A entidade destaca polo seu liderazgo na procura de metodoloxías de traballo coas persoas con discapacidade.

A PROTAGONISTA
“Atender á xente do rural”
Mónica Álvarez
Vicepresidenta 2ª de Cogami

Durante a reunión co presidente da Deputación da Coruña, Mónica Álvarez agradeceu o apoio prestado pola institución provincial ao servizo de orientación e intermediación laboral e explicou que “Cogami está presente nas cidades da Coruña, Ferrol e Santiago, onde conta cun equipo de orientación laboral formado por 12 profesionais que tamén se desprazan ata os municipios de ámbito rural para atender as necesidades das persoas destas zonas”.

Cogami ten como misión conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, a través da defensa e a promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social, da potenciación do asociacionismo e da prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas. A súa visión é a dun movemento asociativo consolidado e moi recoñecido pola sociedade.

{ A OLLADA }
Os datos falan por si sós
Ana Pérez

O labor DE COGAMI é dende logo fundamental para lograr que as persoas con algunha discapacidade teñan o seu oco no mercado laboral, e máis nuns momentos nos que atopar traballo é toda unha odisea. É por conseguinte vital que as administracións sigan axudando a proxectos sociais como o desta entidade, que cada ano logra mellores datos de inserción laboral. Asemade, aquelas persoas con discapacidade dos municipios máis rurais tamén teñen a súa oportunidade grazas á orientación, a formación e a información que lles prestan dende Cogami. A entidade é amplamente coñecida pola defensa que fai deste colectivo de persoas e non se pode menos que eloxiar o seu traballo. Os datos falan por si sós. Noraboa!

10 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.